DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ
Con motivo do DÍA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA E DA PAZ (30 de xaneiro), e dado que neste curso estamos a investigar as nosas parroquias como un dos principais contextos de vida dos nenos e nenas (“ᐯIᒪᗩᗷOᗩᑌᑎᕼᗩᗷOᗩᐯIᒪᗩᑭOᖇᗪᗴᔕᑕᑌᗷᖇIᖇ“), Anxo Moure viu narrar aos nenos e nenas do CRA o seu libro "Salgadiña. A estrela de Fisterra", adaptando o seu contido á realidade da nosa contorna “Salgadiña de Vilaboa”. Salgadiña tiña a encarga de parar as guerras sementando palabras, mais tamén era unha estrela fugaz á que se lle podían pedir desexos.
Logo da visita de Anxo Moure , inspirándonos na obra "AS FLORES DA PAZ" de Philip Stanton, decidimos crear unha flor de cinco pétalos. Cada pétalo representa unha das parroquias do noso Concello ( Bértola, Figueirido, San Martiño de Vilaboa-Paredes, Santa Cristina de Cobres-Barciela e San Adrián de Cobres- Pousada ) e no seu interior conteñen cantos rodados pintados polo alumnado do CRA da cor coa que máis identifican a súa parroquia. Estes cantos viaxaron ás casas e en familia escribiron os seus desexos e soños de paz para Salgadiña. As mensaxes foron chegando ás escolas e entre todos e todas analizamos o seu significado.
O 31 de xaneiro en cada unha das escolas do CRA conmemoramos o DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ con esta intervención que rematará no último trimestre visitando a aula da natureza das Salinas para xuntar as pedras das cinco parroquias e así crear entre todos e todas unha única flor.
A obra representará a unión e solidariedade entre a veciñanza das diferentes parroquias. Por este motivo, decidimos emprazala nun lugar tan emblemático para o noso Concello como son as Salinas do Ulló.