Queridas familias:
En primeiro lugar, gustaríame darvos ánimos pola situación tan desagradable que estamos a vivir e que nos pillou por sorpresa a todos/as. Pasada a primeira semana de choque na que houbo moito que asimilar, a partir de agora colgarei neste blog diferentes actividades para que, aqueles que queirades e/ou poidades, fagades cos vosos fillos/as na casa.
Para comezar, é importante que manteñades unha rutina o máis parecida posible á que tiñades cando os nenos/as viñan á escola. Evidentemente, agora non hai cole polo que non se trata de repetir exactamente o mesmo, pero si de establecer un horario que a vós vos vaia ben e que aos nenos lles dea certa seguridade. Polo tanto, os pequenos/as deben erguerse cedo, almorzar, asearse... etc., e despois comezar a rutina do día coas actividades que se vos formulen a través deste blog.
Cada día colgarei un pdf que é igual para todos (3, 4 e 5 anos) no que se vos propoñen diferentes actividades. Ademais, os días nos que os nenos/as tiñan especialidades (Inglés, EF...) tamén colgarei actividades propostas por eses docentes. Seguindo o horario do cole, os días nos que colgaremos este tipo de actividades serán:
- LUNS: Relixión/Atención Educativa
- MARTES: Educación Física (EF) e Inglés
- MÉRCORES: Música
- VENRES: EF
Se precisades que se vos aclare algunha dúbida, podedes contactar comigo a través do meu correo electrónico jacquelinev@edu.xunta.es.
Así mesmo, xa que tedes que estar todo tempo na casa, deixade que os nenos/as vos axuden nas rutinas do fogar: facer a comida, poñer a mesa, recoller, limpar, facer as camas, colgar a roupa e recollela... Pode ser este un bo entretemento para eles e, ademais, traballades moito a autonomía con este tipo de actividades.
Ao longo do día podedes alternar diferentes tipos de actividades, ademais das que vos propoñemos por aquí. Por exemplo:
- Lectura dun conto (ou inventar un) e posterior debuxo (podedes crear un álbum cos debuxos que fagan cada día).
- Bailar ou cantar cancións.
- Trasvases de sólidos e/ou líquidos.
- Xogar a debuxar con pan relado.
- Recortar, pintar, pegar...
- Disfrazarse con cousas que teñades pola casa.
- Ver unha película e falar dela despois.
- Xogar a xogos de mesa.
- Xogar a xogos educativos on-line (de xeito moderado).
- Todo o que se vos ocurra.
Recordade que tamén é importante o tempo de xogo libre (non dirixido) e non vexades os momentos de aburrimento como algo negativo. Non é necesario ter aos nenos/as ocupados todo o tempo. Do aburrimento nace moita creatividade.
Por último, dicirvos que, como ben sabedes, no cole traballamos por proxectos e dado o precipitado da situación, non puidemos rematar o proxecto dos unicornios nin tampouco realizar unha asemblea para comezar un novo. Por iso, as actividades que vos formularei durante varios días estarán relacionadas con este último proxecto, como un xeito de darlle fin. Unha vez finalizado, a temática das actividades propostas variará.
Estas actividades son voluntarias, pero se alguén quere, pode enviarme algunha foto/vídeo ao meu correo.
Adxúntovos as actividades para hoxe (actividade global; actividade de Relixión e para aqueles que no tiñan Relixión, actividade de Atención Educativa, coa abreviatura AE).
Moitas grazas pola vosa comprensión.
Ánimo e forza, cada día que pasa é un día menos.
COMENTARIOS
hai 3 anos 37 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 6 anos 22 semanas