Skip to Content

Taboleiro

XORNADA DE CONVIVENCIA EN INFANTIL

O pasado mércores 12 de xuño de 2024, recibimos aos cativos da casa niño "Raíces e Brotes" de Xinzo de Deva.

Os nenos e nenas do cole acolleron con grande entusiasmo aos seus futuros compañeiros e compartiron xogos e actividades na clase de Infantil, na biblioteca dos Mouchiños, na aula de psicomotricidade e no patio. Ata o 11 de setembro para o próximo reencontro!

 

PROXECTO VOLUNTARIADO MIÚDO

O luns 3 de xuño de 2024, tivemos a visita de Ramón, traballador social da Consellería de Política Social e Xuventude, que organizou un obradoiro para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria.

Os nenos e nenas participaron en varios xogos cooperativos que pretendían mesturar diversión, valores do voluntariado e da solidariedade e recordar todas as actividades en relación co proxecta de "Voluntariado miúdo: móvete" que se realizaron ao longo deste curso. Ao final da actividade, recibiron un diploma pola súa xenerosa participación nas accións solidarias realizadas dende o centro.


UN DÍA POLA RIBEIRA SACRA

O venres 31 de maio de 2024, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria estivo de excursión na Ribeira Sacra.

A xornada empezou coa visita do mosteiro de San Pedro de Rocas. Despois dunha pequena ruta de sendeirismo polo Camiño Real, o grupo dirixiuse ata o mosteiro de San Estevo de Ribas do Sil e acabou descubrindo o canón do Sil desde un catamarán.

Un día moi completo cheo de sorpresas e de diversión!

 

DÍA DAS LETRAS: XINCANA E XOGO DE ESCAPE DE LUÍSA VILLALTA

Este ano celebramos as Letras cunha xincana e con varios xogos de escape sobre a vida e a obra da autora homenaxeada, e escritora, música e profesora Luísa Villalta.

O alumnado de Primaria fixo unha xincana percorrendo o centro, na procura da información agochada sobre a escritora coruñesa. Mentres, o alumnado de Secundaria realizou varios xogos de escape en liña onde aprenderon unha chea de datos relevantes sobre Luísa Villalta.

Sobre estas liñas tedes unha imaxe dos intrépidos investigadores de 5º e 6º, tomada cando ían percorrendo o centro na procura da información agochada sobre a autora homenaxeada neste Día das Letras 2024.

O alumnado da ESO celebra maio co proxecto "Poesía Xeolocalizada"

O alumnado da ESO celebrou o Maio con Poesía Xeolocalizada, un proxecto desenvolvido dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e o Departamento de Lingua Galega.

Durante o mes de maio fomos compartindo no blog Padrenda Fala (blog do EDLG), diversos poemas xeolocalizados nos concellos de Padrenda, Pontedeva, Cortegada ou Crecente... A rapazada da ESO tomou unha fotografía nun lugar concreto, o seu favorito, e acompañouna dun texto poético propio, relacionado con ese lugar. 

Finalmente, compartiu connosco as coordenadas deste poema e desta imaxe, para que poidamos visitar este lugar tan especial cando desexemos, e compartir o que para elas e eles significa.

Eis unha mostra do traballo da rapazada:

Se queredes botarlle unha ollada aos poemas, podedes velos entrando no blog Padrenda Fala neste enlace, ou no banner da dereita desta web, facendo clic no de "Equipos de Dinamización da Lingua Galega".

Benvidas e benvidos á poesía xeolocalizada!

 

DÍA DAS FAMILIAS

O pasado mércores, 15 de maio de 2024, celebramos o Día das Familias co noso alumnado de Infantil e Primaria.

Os cativos e as cativas prepararon unhas saborosas madalenas caseiras que levaron para a casa nunha bolsa decorada con agarimo por eles/as mesmos/as.

VISITA Á GRANXA-ESCOLA KIRIKO

O pasado martes, 28 de maio de 2024, o alumnado de Infantil, 1º e 2º de Primaria gozou dunha xornada en contacto coa natureza na granxa-escola Kiriko en Fornelos de Montes.

Algunhas das actividades da axenda da visita incluían: coidar e alimentar os animais da granxa, visitar a incubadora, muxir a vaca Olivia, etc

Pasárono en grande!

 

 

EXCURSIÓN A MONDOÑEDO

O alumnado da ESO estivo dous días de excursión en Mondoñedo, os días 24 e 25 de abril de 2024.

O primeiro día, os rapaces e rapazas entraron na cova do Rei Cintolo (a máis grande de Galicia, con case 6 km de lonxitude).

Unha experiencia inesquecible!

Despois de pasar a noite no albergue do Seminario, a rapazada visitou o museo da imprenta e a continuación realizou unha ruta literaria e histórica, seguindo as pegadas do autor mindoniense Álvaro Cunqueiro e do mariscal Pardo de Cela.

Aproveitamos esta entrada na nosa web para agradecerlle a Félix Villares Mouteira que nos mostrase a magnífica biblioteca do Seminario de Santa Catalina e as xoias que conservan; e tamén a Fernando López, que nos guiou na visita ao Museo da Imprenta.

 

 

VIAXE A BARCELONA

O alumnado de 4º da ESO estivo en Barcelona do 11 ao 14 de abril de 2024 co motivo da súa viaxe de fin de etapa.

Visitaron os barrios de Gràcia, Gótico, La Barceloneta, El Raval...; viron a Sagrada Familia, o acuario, o zoo, o Parque Güell; e fixeron unha ruta polas obras máis emblemáticas de Gaudí.

 

ENCONTRO INTERXERACIONAL

O luns 15 de abril visitamos a Residencia "Nosa señora do Socorro" de Arnoia para unha xornada de convivencia cos nosos maiores. O alumnado de primaria e ESO cantaron unhas cancións tradicionais animando aos usuarios da residencia e organizaron distintos xogos (de mesa, de lanzamento, de retos...) que tiveron moi boa acollida.

Quedamos moi agradecidos/as, especialmente co persoal da residencia que se implicaron no desenvolvemento de todas as actividades.

 

 

Ademais, tivemos a oportunidade de gozar das vistas dende o mirador e de xantar e xogar no centro social de Arnoia para rematar esta xornada.

Distribuir contido


by Dr. Radut