Actividades
Días da paz. ENDL
O ENDL do CPI de Touro quere celebrar con todas e todos vós o Día da Paz, 30 de xaneiro. Sabemos que Paz é moito máis que ausencia de guerra. Paz é ter dereito á educación, á sanidade, a unha vida e a un futuro dignos. Sabemos tamén que hai moitas formas de exercer a violencia contra moitos colectivos, alén de que cada vez que discriminamos a alguén estamos a impedir a paz. Por último, somos conscientes que todas as xornadas do ano deben ser Días da Paz. Con todo, cremos que é preciso celebrarmos esta data para seguir traballando na procura dun mundo sen violencias.
O ENDL, en colaboración coas compañeiras e compañeiros do Plan Recicla e de toda a comunidade escolar, quere realizar unha serie de actividades, polo cal agradece de antemán todo o traballo que se está a levar no noso CPI.
-Coidando da paz. As compañeiras e compañeiros de Educación Infantil, para amosarnos a fraxilidade da paz, un ben que en calquera momento esmorece, realizarán a súa exposición sobre a paz en caixas de ovos. Seguro que as nenas e os nenos crean auténticas obras de arte.
-Os Alicerces da Paz. En Primaria, as compañeiras e compañeiros do Plan Recicla elaboraran piares con lemas referidos a un mundo sen violencias. Este muro estará feito con caixas de tetra brick e formará os alicerces da paz.
-A Paz é de todas e todos. Para facer partícipe á nosa vila deste día, as mozas e mozos de Secundaria elaborarán lemas sobre a non violencia e a Paz tirados de pensadores ou creados por eles. Estes lemas, realizados en botellas recicladas, serán colgados do muro do centro, para que todas e todos sexamos conscientes de que a Paz é un ben comunitario, non só do centro escolar.
-Cancións pola paz. Aínda que imos subir dúas cancións pola paz á páxina www.facebook/movealingua, o recreo do día 30 todos e todas xuntos cantaremos o poema de Neira Vilas “Cantarela pola Paz”, podemos ir adornados con figuras, panos, etc que simbolicen a paz.
O ENDL do CPI de Touro quere agradecer de novo o traballo de todos e todas no labor de educar na non violencia. O vídeo que colgamos será a música que habemos cantar o día 30 e foi realizado polo CEIP Praza de Barcelos. Moitas grazas pola vosa colaboración!
Apalpa o inverno
Apalpa o inverno...
Con motivo da chegada do inverno, o ENDL do CPI de Fonte Díaz quere convocarvos a todos e a todas a unha serie de actividades centradas este ano na figura do Apalpador. Este ser mítico, un carboeiro bondadoso, habita nas montañas do oriente de Galiza e baixa a entregar castañas, mel e queixo aos cativos e cativas da nosa terra... O Apalpador apalpaba as súas barriguiñas para saberen se os nenos e as nenas tiñan fame e comían. Para celebrarmos estas datas a súa figura solidaria vainos servir de guía.
Concurso de Postais. Terán como tema o inverno, o Nadal e a propia figura do Apalpador. O tamaño será de medio folio A4, e estará dirixido aos seguintes niveis:
- Educación Infantil
- 1º Ciclo de Primaria
- 2º Ciclo de Primaria
- 3º Ciclo de Primaria
- Secundaria
En Educación Infantil faranse dous concursos independentes: un sobre a figura do Apalpador e outro que trate o tema do inverno e o Nadal. No resto dos niveis serán concedidos dous premios en cada un deles. As postais serán publicadas en www.facebook.com/movealingua e a máis representativa será publicada en papel. A data límite para entregalas será o venres 13 de decembro.
Concurso de Carteis. O tema volverá ser o inverno e a propia figura do Apalpador. Os niveis coincidirán cos das postais e haberá un único premio por nivel. A data límite será o luns 16 de decembro. Serán publicados en www.facebook.com/movealingua
Concurso de narracións. Baseándonos na figura dese carboeiro, haberá un concurso de narracións solidarias. Aínda que a técnica será libre o tema terá que ver coa solidariedade e a axuda para vencer as inxustizas. A data límite será o luns 16 de decembro e haberá dous premios por nivel.
Solidarízate, apalpa a inxustiza. A través do Apalpador, como figura que axuda aos que menos teñen, colocarase nos corredores do centro unha exposición con fotografías e materiais que denuncien situacións de inxustiza e sinalen a importancia da solidariedade. Os materiais serán aportados pola comunidade escolar.
Dende o ENDL agradecemos de novo a vosa colaboración e entusiasmo.
25 de novembro. Contra a violencia de xénero
O ENDL do CPI Fonte Díaz propón unha serie de actividades cara á semana do 25 de novembro,
“DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER”.
Con elas queremos sensibilizar a toda a comunidade escolar na importancia da loita contra a violencia sexista.
As actividades que propoñemos son:
PONTE NOS MEUS ZAPATOS, dirixida a todo o alumnado da ESO. Cada moza e mozo traerá un zapato vello de muller, que será colocado, ou ben no patio ou ben nos corredores, o día 25. Os zapatos irán acompañados de cartolinas explicativas. Estas cartolinas poden ser elaboradoras nas titorías durante a semana do 18 ao 22 de novembro e nelas trataranse: 1º e 2º ciclo de ESO a situación da muller no 3º mundo; 3º de ESO situacións de maltrato contra a muller en Europa; 4º ESO a situación da muller en Galiza.
DEBUXOS DA ESPERANZA para realizar en Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria. As alumnas e os alumnos realizarán, con técnica libre, debuxos nos que manifesten unha imaxe positiva da muller. Os debuxos serán expostos nos corredores e na páxina Movealingua. O prazo para a entrega será o venres 29 de novembro.
CARTAS DENDE A DESESPERANZA, dirixida a 2º e 3º ciclo de Primaria e a ESO. As cartas poderán ser individuais ou realizadas de xeito colectivo. Nelas, asumindo a voz dunha muller que sufra algún tipo de maltrato, expoñeremos as situacións nas que se encontran moitas mulleres deste mundo. O concello colaborará nesta actividade entregando un premio para realizar compras no comercio local. O prazo para a entrega será o venres 29 de novembro.
LAZOS CONTRA A VIOLENCIA. As alumnas e os alumnos elaborarán lazos con material reciclado. Isto farémolo grazas á colaboración das profesoras e profesores que participan no Plan Recicla.
VIDEOFORUM. O día 25 os alumnos e alumnas do Segundo Ciclo da ESO asistirán á proxección dun filme no que se amosa unha das caras do maltrato. Á proxección seguiralle un debate.
PALABRA DE MULLER. Na biblioteca expoñeranse libros que tratan o tema da violencia de xénero, cunha breve sinopse acerca do seu contido e intencións.
Coma sempre o ENDL quere agradecer a vosa colaboración desinteresada á hora de tratar unha realidade inxusta e cruel. Sabemos que dende a escola podemos sementar novas realidades e axudar a mudar as inxustizas.
ENDL do CPI FONTE DÍAZ
IV Día da Ciencia en Galego
Participamos na videoconferencia con motivo do IV Día da Ciencia en Galego. Enlace
NORABOA!!! Os alumn@s de 4º da ESO (Iria Ares, Lidia Guntín, Tania Penas, Sara Codesido, Eva Freire, Juanjo Fernández e Leticia Vilela) foron premiados polo traballo realizado sobre os homenaxeados no IV día da Ciencia en Galego.
SAMAGOSTO
Practica o Samagosto
Estamos ás portas do Samaín e do Magosto. Por iso queremos que te samagostes... Practicar o Samagosto consiste en gozar con estas dúas festas populares galegas que empregan os cabazos e as castañas como base fundamental. Con elas entramos de cheo na outonía e lembramos tradicións que teñen que ver cos recordos dos que viñeron antes ca nós. Dende o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, do CPI Fonte Díaz, e dende a súa páxina, www.facebook.com/movealingua, temos preparadas unha serie de actividades para celebrar estas datas.
- Durante todo o mes as distintas titorías poden realizar contos de medo, que colocarán nas portas das aulas. No ENDL temos cartolinas ligadas co Samaín e co Magosto para que, se queredes, escribades as vosas historias baixo as formas de cabazas, castañas, morcegos... Algunhas das historias aparecerán en www.facebook.com/movealingua. Así todos e todas ficaremos aterrados!
- Elaboración de receitas de sobremesas que estean feitas con cabazos, castañas ou froitos de outono. Podedes ir colgando e compartindo con todos e todas nós as vosas receitas e pratos na páxina www.facebook.com/movealingua.
- Creación de figuras con cabazas ou castañas que serán colocadas no corredor. Pódense fotografar aquelas que fagades na casa e non poidan chegar ao centro escolar e colgalas na nosa páxina www.facebook.com/movealingua. Movealingua tentará tirar fotos para que contempledes todas aquelas obras de arte que fan as alumnas, os alumnos e a súas familias. O día para entregar as figuras feitas con cabazas e castañas é o luns 28.
- Elaboración de sobremesas feitas con cabazos, castañas ou froitos de outono. Estas sobremesas e as castañas serán degustadas no comedor o día 30, polo que a mellor data para que cheguen onda nós será ese mesmo día. Todos aqueles e aquelas que non poidan compartir fisicamente as súas sobremesas poden facelo de xeito virtual partillándoas na nosa páxina www.facebook.com/movealingua .
O ENDL do CPI Fonte-Díaz en Touro quere agradecer de antemán o traballo de todos e todas. Esperamos que poidades colaborar fisica ou virtulamente para practicar o Samagosto, esa festa que acabamos de inventar en Touro e que promete moito. Grazas de novo!
ENDL do CPI Fonte-Díaz
MOVEALINGUA
SOMOS MOVEALINGUA E SEREMOS AMIGOS NO FACEBOOK.
COLGA NO NOSO MURO FOTOS de como TUNEAS OS CABAZOS
COMO FAS as túas SOBREMESAS.
XA ves. XA Somos AMIGOS
Movealingua movealingua MOVEALINGUA
NORMALIZACIÓN
" Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma " Castelao |
|
ACTIVIDADES |
|
SAMAÍN e o MAGOSTO, con exposición de cabazas, postres do outono..... |
|
|
|
|
|
SEMANA CULTURAL DAS LETRAS GALEGAS |
|
CONTO VIAXEIRO |
|
BIBLIOTECA
|
|
ENLACES LETRAS GALEGAS RECURSOS LINGÜÍSTICOS:Onde atoparás ferramentas e información útil para o emprego e uso do galego: dicionarios e vocabulario, correctores, tradutores e máis............. |