Saltar navegación.
Inicio

Apalpa o inverno

         Apalpa o inverno... 

 Con motivo da chegada do inverno, o ENDL do CPI de Fonte Díaz quere convocarvos a todos e a todas a unha serie de actividades centradas este ano na figura do Apalpador. Este ser mítico, un carboeiro bondadoso, habita nas montañas do oriente de Galiza e baixa a entregar castañas, mel e queixo aos cativos e cativas da nosa terra... O Apalpador apalpaba as súas barriguiñas para saberen se os nenos e as nenas tiñan fame e comían. Para celebrarmos estas datas a súa figura solidaria vainos servir de guía.

 Concurso de Postais. Terán como tema o inverno, o Nadal e a propia figura do Apalpador.  O tamaño será de medio folio A4, e estará dirixido aos seguintes niveis:

  • Educación Infantil
  • 1º Ciclo de Primaria
  • 2º Ciclo de Primaria
  • 3º Ciclo de  Primaria
  • Secundaria

 En Educación Infantil faranse dous concursos independentes: un sobre a figura do Apalpador e outro que trate o tema do inverno e o Nadal. No resto dos niveis  serán concedidos dous premios en cada un deles. As postais serán publicadas en www.facebook.com/movealingua e a máis representativa será publicada en papel. A data límite para entregalas será o venres 13 de decembro.

 Concurso de Carteis. O tema volverá ser o inverno e a propia figura do Apalpador. Os niveis coincidirán cos das postais e haberá un único premio por nivel. A data límite será o luns 16 de decembro. Serán publicados en www.facebook.com/movealingua

 Concurso de narracións. Baseándonos na figura dese carboeiro, haberá un concurso de narracións solidarias. Aínda que a técnica será libre o tema terá que ver coa solidariedade e a axuda para vencer as inxustizas. A data límite será o luns 16 de decembro e haberá dous premios por nivel.

 Solidarízate, apalpa a inxustiza. A través do Apalpador, como figura que axuda aos que menos teñen, colocarase nos corredores do centro unha exposición con fotografías e materiais que denuncien situacións de inxustiza e sinalen a importancia da solidariedade.  Os materiais serán aportados pola comunidade escolar.

 

Dende o ENDL agradecemos de novo a vosa colaboración e entusiasmo.