Días da paz. ENDL
O ENDL do CPI de Touro quere celebrar con todas e todos vós o Día da Paz, 30 de xaneiro. Sabemos que Paz é moito máis que ausencia de guerra. Paz é ter dereito á educación, á sanidade, a unha vida e a un futuro dignos. Sabemos tamén que hai moitas formas de exercer a violencia contra moitos colectivos, alén de que cada vez que discriminamos a alguén estamos a impedir a paz. Por último, somos conscientes que todas as xornadas do ano deben ser Días da Paz. Con todo, cremos que é preciso celebrarmos esta data para seguir traballando na procura dun mundo sen violencias.
O ENDL, en colaboración coas compañeiras e compañeiros do Plan Recicla e de toda a comunidade escolar, quere realizar unha serie de actividades, polo cal agradece de antemán todo o traballo que se está a levar no noso CPI.
-Coidando da paz. As compañeiras e compañeiros de Educación Infantil, para amosarnos a fraxilidade da paz, un ben que en calquera momento esmorece, realizarán a súa exposición sobre a paz en caixas de ovos. Seguro que as nenas e os nenos crean auténticas obras de arte.
-Os Alicerces da Paz. En Primaria, as compañeiras e compañeiros do Plan Recicla elaboraran piares con lemas referidos a un mundo sen violencias. Este muro estará feito con caixas de tetra brick e formará os alicerces da paz.
-A Paz é de todas e todos. Para facer partícipe á nosa vila deste día, as mozas e mozos de Secundaria elaborarán lemas sobre a non violencia e a Paz tirados de pensadores ou creados por eles. Estes lemas, realizados en botellas recicladas, serán colgados do muro do centro, para que todas e todos sexamos conscientes de que a Paz é un ben comunitario, non só do centro escolar.
-Cancións pola paz. Aínda que imos subir dúas cancións pola paz á páxina www.facebook/movealingua, o recreo do día 30 todos e todas xuntos cantaremos o poema de Neira Vilas “Cantarela pola Paz”, podemos ir adornados con figuras, panos, etc que simbolicen a paz.
O ENDL do CPI de Touro quere agradecer de novo o traballo de todos e todas no labor de educar na non violencia. O vídeo que colgamos será a música que habemos cantar o día 30 e foi realizado polo CEIP Praza de Barcelos. Moitas grazas pola vosa colaboración!