Esta semana, do 9 ao 12 de marzo, estivemos celebrando a Semana da Educación Vial. Despois de aprazala a causa do mal tempo, ao final a cousa non puido saír mellor, pois o bo tempo acompañou nos catro días. Un a un tódolos nenos e nenas dos diferentes cursos puideron gozar dunha charla de educación vial e, sobre todo, do circuíto e do despregue de vehículos oficiais dos distintos corpos de seguridade.
Na pista de abaixo montouse un circuíto cos seus semáforos, sinais e liñas de circulación, e os nenos e nenas, unhas veces como peóns e outras como vehículos, foron percorrendoo, iso si, sempre respectando os sinais. Foron días de emoción, pois o alumnado levou as súas bicicletas para facer o circuíto, e xa, de paso, pasear con elas polo patio ou indo e vindo ao cole nelas.
O alumnado de quinto e sexto curso tamén tivo opción de montar en karts, facilitados pola DGT para esta actividade.
Non menos emocionante lles resultou a nenas e nenos montar nos coches e camións oficiais, facer soar as sereas ou comunicarse polas radios.
Esta actividade foi xestionada e organizada pola ANPA Mosteiro, a que adicaron moitas horas de traballo. Dende o centro queremos achegarlle o noso agradecemento polo impresionate traballo realizado.
Tamén facer chegar o noso agradecemento a Policía Local, ao Sarxento da Garda Civil de Tomiño, Protección Civil, DXT de Porriño, as persoas que trouxeron o equipamento para montar o circuíto e Concello de Tomiño por axudar a sua montaxe.
Para ver as fotos da actividade premede na imaxe.