Skip to Content

Blogs

Facendo mesturas na Createca

O alumnado de 4ºB fixemos desdobres para poder traballar con profe Víctor na Createca de maneira máis práctica os conceptos de capacidade. Pasamos de cl a ml, medimos e tratamos de conseguir a cor exacta seguindo as instrucións que nos daban. Velaquí unhas imaxes de máxima concentración!

Lemos e xogamos: Infancia, cerebro e xogo.

O 25 de abril renunímonos o club de lectura de adultas para falar do libro "Cerebro, Infancia y Juego" de María Couso. Pasamos unha tarde ben entretida entre xogos de mesa e conversas sobre os beneficios de xogar tanto adultas como pequenas, quen se anima? 

 

Concienciamos

Ola ola! Dentro dos retos propostos para este curso, en abril tiñamos o reto de concienciar na redución de uso de material escolar, tanto por abuso do mesmo como por falta de coidado.

 

Transcorrida unha gran parte do curso, a instalación creada para concienciar acerca do uso aínda non está nin ao 50% da súa capacidade.

 

Agardamos que esta iniciativa axudara a facer un bo uso do material escolar neste curso, e sobre todo, que deixemos pegada para o futuro.

Torneo de xadrez

O luns 15 de abril comezamos co torneo de xadrez no que participan os/as alumnos/as voluntarios/as de 5º e 6º de educación primaria. Celébrase na biblioteca durante o tempo de recreo. 

Moitos participantes e moita emoción! Sorte a todas e a todos!

 

Visita de María Canosa para as aulas de 4º

A escritora María Canosa veu manter unha charla co alumnado de 4º de EP que leron o seu libro "A cazadora de Estrelas". Estívonos falando sobre o proceso de creación da obra e outros temas nunha conversa literaria ben animada. Aquí vos deixamos unhas imaxes.

 

Nova reunión de Faragullas

Nesta nova sesión do club intercambiamos faladoiros sobre "Irene, a porteira" e "A botella de lentellas". No primeiro caso foi unha sesión moi participativa aportando opinións e falando sobre as ilustracións, a visión da muller na época, outros posibles finais... No segundo caso estivemos tamén charlando sobre a cociña e as nosas experiencias con ela, outros posibles títulos para novas historias de lentellas e orellas.. Xa estamos esperando comelas!

Programas de radio de 4º polo Día da Saúde

Para o obradoiro de radio que fixemos con Luís Losada de Radio Espora o alumnado de 4º tivo que preparar os seus propios porgramas, un por aula.  O día 27 de abril conmemórase o Día Mundial da Saúde e  aquí tedes o resultado final dos seus traballos de investigación. 

Traballo feito para a primavera!

Rematamos o segundo trimestre neste mes de marzo no que as nosas particulares “sentinelas” (grupo de alumnado voluntario que colabora co equipo medioambiental) fixo un gran traballo, tanto no referido a cantidade como a calidade do mesmo. E como temos moito que contar, alá vamos!

En primeiro lugar demos continuidade ao reto do mes pasado, neste caso instalando nas aulas uns pequenos avisos que conciencien sobre o aforro enerxético, de maneira que a nosa comunidade educativa sempre o teña un pouco máis presente.

Para seguir, remataron coa instalación dos bancais para os máis peques, que mesmo se encargaron de decorar con gran dedicación e quedando un resultado ben fermoso:

Ademais instalouse un novo composteiro, achegado polo Consorcio das Mariñas, e estase a traballar na reparación do vello invernadoiro, ao que xa se lle achegou unha nova localización no centro:

E diredes, pois haberá que ir poñendo algo dentro dos bancais non? Claro que si, por iso xa temos unha gran selección de produtos cultivados por nós. A maioría das sementes son ecolóxicas, sen ningún tipo de tratamento, e boa parte delas son de colleita propia.

Teremos excedentes? Claro que si, para toda esa planta farían falla moitas hortas.En breve agardamos podervos contar os nosos plans para eles.

Tamén se recuperou a zona das aromáticas, que agardamos encher de olores e sabores no mes de abril.

E finalmente preparamos unha zona para a repoboación, que xa comezou a recibir as primeiras árbores que sementamos a comezos de curso.

Vaia canto traballaron estas sentinelas no mes de marzo, ben merecen un descanso! Ata pronto!

Día da Narración Oral

O mércores 20 de marzo celebrouse o día da Narración Oral. As nenas e os nenos de Educación Infantil gozaron de contos lareteiros que nos trouxo Marisa Irimia. Historias compartidas grazas ao Concello de Carral.

O noso xornal "Todos e todas contamos"

Para conmemorar a Semana da Prensa (do 4 ao 8 de marzo) o equipo de Biblioteca e o equipo TIC propuxemos a elaboración dun xornal dixital con diferentes seccións (noticias, axenda cultural, recomendacións lectoras...) relacionado coa temática do noso PDI "Todas e todos temos unha historia que contar". 

Animámosvos a que o vexades!!

Programa do 8M de 5ºC

O alumnado de 5ºC de Educación Primaria elaborou un programa de radio sobre a orixe do 8M. Ademais, contaron as historias de varias mulleres que loitaron polos seus dereitos e destacaron en diferentes disciplinas como, por exemplo, a escritura. 

Animámosvos a que escoitedes este programa!

Maletas de lectura para as casas, listas!

Xa temos listas as maletas viaxeiras para familias! Esta é unha iniciativa impulsada pola biblioteca escolar dentro do programa "Lectura e familias" e que pretende fomentar a lectura no fogar tanto con libros pensados para os nenos/as como para os adultos/as. A continuación deixámosvos unha explicación máis pormenorizada da maneira de solicitalas así como os materiais que conteñen.

 

Obradoiro de radio

O mércores 6 de marzo e o xoves 7 de marzo, as alumnas e os alumnos de 4º de Educación Primaria recibiron unha formación sobre o funcionamento da radio na biblioteca con Luís Losada de Radio Espora. 

Aquí podedes ver algunhas imaxes deste obradoiro. 

 

 

Obradoiros relacionados con "Irene a porteira" e "A botella de lentellas"

Na sesión do club de lectura deste luns 4 de febreiro, os que limos "A botella de lentellas" de Leticia Barbadillo, fixemos as nosas propias botellas. Estreamos a nova Createca amasando, condimentando, fritindo e como non... comendo! Cada orella, coas súa forma e textura, inspirounos posibles novas historias para poder escoitar. E ti, comiche orellas este Entroido? Que historias escoitaron? A verdade é que pasamos unha tarde ben entretida chea de aventuras, cociña e convivencia. Aquí tedes un vídeo do proceso.

Mentras tanto, na sesión "Historias en cómic" cada participante compartiu a banda deseñada que lles tocara ler. Deron a súa opinión e fixeron reseñas orais. Algúns prepararon ademais un cartel para contalo, outros un xogo de tarxetas, presentacións... Descubrimos así varias das novidades de cómic que temos na nosa biblio das que analizamos as ilustracións, as cores, o estilo...

 

 

Nova sesión de "Milfollas de papel"

Nesta reunión do club de lectura de adultas "Milfollas de papel", estivemos falando sobre o libro de Priscila Vela "Piezas sueltas". Sairon moitos temas como a infancia, a felicidade, a creatividade, o presente e pasado e Loris Malaguzzi e as escolas Regio Emilia co seu centro de recursos Remida e co seu poema "As cen linguaxes do neno".

Ao final, cada unha ensinou e explicou as pezas soltas que decidiu traer e o porqué da súa escolla. A mesa encheuse de botóns, pedras, cristais pulidos polo mar, rollos de papel, chapas... e outros tesouros que pasarán a formar parte do noso novo espazo de Createca para cobrar unha e mil vidas.

Antes de irnos repartimos os novos libros que imos ler e a súa guía, neste caso tócalle a quenda a "Infancia, cerebro y juego" de María Couso. Grazas de novo ao CRA de Culleredo por prestárnolos!

CLUB DE LECTURA DE PERSOAS ADULTAS CEIPP VICENTE OTERO VALCÁRCEL de Teacher Marta

Distribuir contenido


by Dr. Radut