O VI Concurso de Cabazas de Samaín foi todo un éxito! Queremos felicitar a tódolos/as participantes pola súa incrible creatividade. A calidade dos traballos presentados nesta edición superou tódalas expectativas, amosando unha vez máis o talento que hai entre o noso alumnado e familias. Parabéns a Ada, Mía e Ysabella por resultar gañadoras nesta edición.
O pasado venres 8 de novembro tivemos a oportunidade de celebrar o Magosto cos compañeiros e compañeiras do CPI Laureno Prieto da Gudiña. Foi unha xornada de convivencia, xogos e de degustar un delicioso menú.
A xornada estivo repleta de actividades que nos fixeron gozar e aprender sobre unha tradición tan nosa. Participamos en diversos xogos que fixeron que o pasaramos moi ben e que fixeramos novos amiguiños e amiguiñas.
Entre as delicias gastronómicas houbo bolos preñados, churrasco, crioullos, castañas asadas e bica. E estaba todo riquísimo!
Os nosos compañeiros/as sorprendéronnos cun portacastañas feito a man moi orixinal e unha actuación musical que nos deixou a todos/as impresionadas e impregnou o ambiente de ritmo e alegría.
Queremos aproveitar para expresar o noso agradecemento a Carlos e Nuria, que dedicaron toda a mañá a asar castañas para que puideramos comelas ben quentiñas.
En resumo, o magosto foi unha xornada divertidísima e en moi boa compañía. Así que xa esperamos con ansia a vindeira celebración!
O pasado 30 de outubro nun ambiente de misterio e terror celebramos o Halloween e o Samaín no cole. Dúas festividades que nos brindaron a oportunidade de explorar tradicións e gozar de actividades emocionantes.
A xornada comezou cunha expresión de creatividade sen límites xa que alumnado e profesorado apareceron disfrazados con traxes de todo tipo, dende bruxas e esqueletos ata pallasos maléficos. As cabazas do concurso foron, como cada ano, orixinais e arrepiantes e estiveron expostas na entrada, que estaba decorada de xeito aterrador, con teas de araña e insectos que daban moito medo!
Ademais, organizamos unha exposición de sombreiros de bruxa onde a imaxinación desbordou en cada un deles.
Para xantar, o noso comedor transformouse cunha decoración alucinante e cun menú temático que deleitou a todos/as. Linguas de lagarto ensanguentadas, caldeiro de ósos con dentes de bruxa e mexos de morcego con vermes fixeron que a experiencia culinaria fose tan divertida como deliciosa.
A xornada culminou do mellor xeito, cunha sesión de cine terrorífica e flocos de millo. Agrademos a tódalas familias participantes e ao alumnado que contribuíron para que a celebración fose todo un éxito! Agardamos con entusiasmo a próxima celebración!
Este ano, para conmemorar o Samaín, consideramos que sería boa idea que o alumnado xunto coas súas familias elaboraran un sombreiro de bruxa terrorífico. (Temática O COSMOS). Poderán traelos ao centro do 16 ao 29 de outubro onde estarán expostos. Será imprescindible participar pois unha terrorífica sorpresa os agarda para o día 30 de outubro...
1. Poden participar tódolos/as alumnos/as do centro. 2. Data de entrega do 21 ao 25 de outubro de 2024. 3. O xurado estará composto polos equipos de EDLG e Biblioteca. 4. A temática das cabazas será O COSMOS.
PREMIOS: Premio á mellor cabaza de Educación Infantil. Premio á mellor cabaza de 1º a 3º de Ed.Primaria. Premio á mellor cabaza de 4º a 6º de Ed.Primaria.
Que ben o pasamos o xoves 23 de maio facendo un pequeno tramo do camiño de Santiago. Actividade enmarcada dentro do Plan Proxecta e concretamente o "Vexo, vexo, Xacobeo!" Desfrutamos moitísimo da natureza, da compañía e sobre todo da música! A tartaruga Tina Calixtina foi a encargada de acompañarnos e ensinarnos unha morea de cousas sobre o Camiño de Santiago que pasa polo noso Concello e sobre como ser un bo peregrino ou peregrina. Para isto traballáronse en clase divertidas propostas didácticas. Animádevos a facelo, é unha experiencia xenial! BO CAMIÑO!
Que alucine! Grazas a un dos novos kits que recibimos de POLOSCREATIVOS para traballar o día das Letras Galegas, esta semana estivemos coñecendo e experimentando coa placa base TECLA TECLA. E como nos gustou! A actividade orixinal consistía en crear un violín en homenaxe a Luisa Villalta, conectalo á placa base e ao ordenador, e tocar con el. Como era algo difícil de cortar para nos, as mestras encargáronse de crealo e logo nos puidemos usalo. Pero gustounos tanto que decidimos facer algún instrumento máis seguir experimentando! Desta vez, si que nos tocou a nós ser artesáns musicais e creamos un xilófono e un piano. Ademais, aprendemos de paso moitas cousas sobre as características e capacidades dos diferentes materiais que podemos usar, sobre todo no ámbito da condutividade. Sabedes que o noso corpo tamén conduce a electricidade? Nos estamos encantados, e estamos desexando seguir aprendendo a programar a placa con Scratch para facer as nosas propias cousas. Parece algo complicado pero ... seguro que podemos! Isto so acaba de comezar!
Luisa Villalta foi unha muller moi polifacética e activa culturalmente ó longo da súa vida. Nacida na Coruña, violinista, poetisa e gran escritora, foi unha excepcional defensora da natureza, da muller e sobre todo da nosa lingua. Ben merecida honra para ela no día das Letras Galegas e para toda a súa obra así como para lembrar a importancia da nosa literatura. Para renderlle homenaxe fixemos un pequeno mural colaborativo no que todos e todas participamos e de paso aprendemos sobre ela, a súa cidade e biografía. Agora somos uns pequenos expertos biógrafos sobre Luisa Villalta, pero se vós tamén queredes saber máis sobre ela aquí vos van algúns datos de interese. Agardamos que vos guste.
Con motivo da Semana do Libro o noso alumnado recitou poemas de Rosalía de Castro, Anisia Miranda, Gloria Fuertes, Álvaro Cunqueiro, etc. aquí vos deixamos unha fermosa escolma.
Neste cole non nos aburrimos nadiña! Por iso desta vez tivemos unha xornada de xogos populares do máis interesante e apaixonante! Aprendemos o que é un trabalinguas, fixemos unha frauta con unha simple palliña, un soprador e xogamos ó Moco! Pasámolo fenomenal e Lito aprendeunos milleiros de truquiños que queremos compartir convosco! Nas Vendas non se para! Seguimos!