Skip to Content

Complementarias

Festa de fin de curso

Un fin de curso espectacular foi o que vivimos no CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira. Para despedir este curso tan xenial e marabilloso tivemos a sorte de contar cun divertidísimo tobogán-piscina onde non nos cansamos de deslizarnos, un toro mecánico onde escachar coa risa e por suposto UNHA FESTA DA AUGA!!! Non podemos pedir máis, xa que foi unha xornada divertidísima ,na que queremos agradecer á nosa ANPA que traballa a reo a súa colaboración nesta gran celebración. Sen ela, e o gran traballo que fixeron durante todo este curso, para que alumnado desfrutase de verdade e sen atrancos nada así sería posible. GRAZAS DE CORAZÓN. Grazas tamén a todo os nenos e nenas de este cole tan xenial cos que contamos e que nos fixeron gozar tanto durante o curso... FELIZ VERÁN!

Excursión fin de curso

Os días 13 e 14 de xuño todo o alumnado de Educación Primaria foi de excursión a Muíños. Dende logo podemos afirmar que  foi unha excursión súper emocionante e inesquecible. Gozamos un montón da natureza, viaxamos no tempo ata a época Megalítica e pasámolo en grande practicando piragüismo, pensamos que san son case profesionais!  Sempre compartindo os mellores momentos e convivindo todos e todas xuntos durante dous días, esa foi a mellor recompensa! Demasiado curta se nos fixo así que...QUEREMOS REPETIR!

 

Visita á cidade de cristal

O    martes 11 de xuño visitamos de novo a Cidade de Cristal, branca e azul sempre. Desta vez tocounos contemplar o Universo dende o planetario, a casa das ciencias que é un museo interactivo situado dentro do parque de Santa Margarita e visitamos ao tiburón Gastón no Acuario, e ademais estivemos na praia de Orzán! Actividades que compartimos cos nosos compañeiros e compañeiras do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo deLima. Unha xornada estupenda polo que... volveremos!

De novo... na capital!

O martes da semana pasada os nenos e nenas de 4° 5° e 6° foron novamente de excursión a Santiago. A primeira parada foi o Parlamento galego, onde, xunto con outros nenos e nenas doutros centros de Galicia, participaron nunha sesión extraordinaria promovida pola Campaña Mundial pola Educación en Galicia.

A temática desta xuntanza era o odio e a igualdade de oportunidades para todos e todas.  Alí, escoitamos as peticións e discursos dos outros centros, que nos contaron as súas realidades, e lemos as nosas propias ante representantes dos partidos políticos da nosa Comunidade. Foi moi gratificante ter voz nun lugar tan importante, e poder levar alí as nosas propostas e é que Carla e Dominik representarannos moi ben! Ata fixeron unha foto co presidente do Parlamento!

Logo, aproveitamos o día tan bo que facía para dar un pequeno paseo polo centro da cidade, comer de picnic, comer un xeado, ver a fermosura da Catedral... e ata fixemos un xogo para adiviñar o noso futuro laboral! Pasámolo moi ben. Para rematar a xornada, visitamos o Museo de Historia Natural da USC. Que pasada!!! Quedamos alucinados coa cantidade de animais e especies reais que puidemos ver. A nosa guía, Mava, ensinounos como se facía antigamente o disecado de animais, e fixemos algunhas actividades manipulativas. Despois, visitamos todas as salas do museo. Encantounos ver tamén os minerais, e as curiosidades que aprendemos sobre eles. Ata vimos un anaco do meteorito que caeu en Lugo hai uns anos!!! Quedamos encantados coa visita, e trouxemos para o cole un libro co que nos agasallaron. Estamos desexando volver visitar a capital. Hai tanto que ver e facer!

Excursión a Sanabria

O pasado xoves 30 de maio os pequenos e pequenas do cole e a aula de 1º e 2º foron de excursión. Sempre se dixo e se contou que o lobo é o malo dos contos e da vida ao longo da historia e do tempo. Actualmente, na península contamos cunha poboación algo escasa, debido á súa caza e persecución por parte do ser humano, pero temos que aprender que aquí cabemos todos. Nesta visita que fixemos ao Centro do Lobo aprendemos moitas curiosidades e características deste animal tan fascinante, pero sobre todo que non é tan malo como nos contaron sempre. Todo o alumnado gozou un montón da visita, de ver lobos en directo e de aprender tanto sobre este incríbel animal. Ademais da visita a Puebla de Sanabria, ao museo de Xigantes e Cabezudos e ao Castelo. Foi unha excursión ben completiña e en moi boa compañía cos nosos compañeiras e compañeiros do CPI Laureano Prieto da Gudiña. Foi un pracer coma sempre e quedamos con ganas de máis!

Polo bo camiño!

Que ben o pasamos o xoves 23 de maio facendo un pequeno tramo do camiño de Santiago. Actividade enmarcada dentro do Plan Proxecta e concretamente o "Vexo, vexo, Xacobeo!" Desfrutamos moitísimo da natureza, da compañía e sobre todo da música! A tartaruga Tina Calixtina foi a encargada de acompañarnos e ensinarnos unha morea de cousas sobre o Camiño de Santiago que pasa polo noso Concello e  sobre como ser un bo peregrino ou peregrina. Para isto traballáronse en clase divertidas propostas didácticas. Animádevos a facelo, é unha experiencia xenial! BO CAMIÑO!

Pingüin

Hoxe, o alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria foi ao Auditorio de Ourense.

Sabemos, que ás veces é complicado asimilar e saber actuar ante a chegada dun irmán ou unha irmá pequena/o, por iso, a obra de teatro "Pingüin, ademais de moi entretida e divertida, ensinounos unha gran lección ao respecto. Quen non se sentiu desprazado/a algunha vez? Pois iso, que non pasa absolutamente nada, os irmáns e as irmás sempre son benvidos/as! Acompañarannos sempre! Grazas ao CPI Laureano Prieto por ser tan riquiños de compartir esta actividade connosco!

Excursión a Santiago

O pasado xoves 18 de abril puidemos desfrutar dunha viaxe inesquecible para todos/as. A nosa primeira parada foi na Cidade da Cultura en INNOVART onde aprendemos un montón sobre ensinanzas artísticas, deportivas e de idiomas. Experimentamos con actividades de todo tipo: música en directo, tecnoloxía, deseño, arte ou restauración foron algúns dos apartados que puidemos visitar. O taller de pasta foi  todo un éxito así como o MUPEGA, que nos levou a unha viaxe no tempo para compartir, desfrutar e curiosear sobre como era a escola, os mestres ou os xoguetes dos nosos antepasados. Pero se queredes saber máis non tedes máis que botarlle unha ollada a este vídeo no que se resume á perfección o ben que o pasamos e de paso... cantas cousas aprendemos!

Asturias, préstanos!

Comezamos o curso 23/24 cheos de ledicia, polos novos comezos e tamén, coa ilusión de que o noso alumnado de 6º se gradúe e remate o seu paso polo centro coa viaxe de fin de etapa que o noso centro leva organizando nos derradeiros anos.

Por iso, entre os días 2 e 5 de abril volvemos a Asturias! Para isto despedímonos cunha viaxe chea de emocións e novas amizades. Foron catro días moi emocionantes no que compartimos vivencias na marabillosa compañía dos nosos compañeiros e compañeiras do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia. Con eles compartimos divertidísimos momentos e aventuras. Para compróbalo, non hai máis que ver os sorrisos na cara do alumnado e eses olliños brillando coa ilusión!

Momentos de gran valor non só a nivel pedagóxico senón tamén a nivel emocional que, agardamos queden sempre gravados nos corazóns e na memoria do alumnado ao que con moitísimo agarimo tentamos despedir. Esperamos que vos guste tanto coma a nós e vos transmita a mesma felicidade!

Aquí tedes unha pequena mostra.


Visita á cidade Herculina

O venres 12 de abril o alumnado de 4º 5º e 6º de Educación Primaria foi de excursión á Coruña.

Tocou madrugar moito pero pagou a pena! Primeiro visitamos SOGAMA, complexo medioambiental situado en Cerceda no que se xestionan e tratan os residuos urbanos producidos no territorio galego. Aquí, repasamos como reciclar correctamente ademais fixemos un xogo que superamos con nota!

Tamén fixemos unha visita pola planta cunhas gafas virtuais e percorremos en bus os diferentes espazos onde se realiza a separación dos residuos.
Para xantar visitamos a Torre de Hércules, onde gozamos dunhas fermosas vistas e dun día espectacular!

Á tarde visitamos o MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía). Un museo que ten diferentes espazos expositivos nos que puidemos ver a parte dianteira e o tren de aterraxe dun BOING 747, un acelerador de partículas, aparatos tecnolóxicos, instrumentos científicos e ata vehículos de transporte. Participamos nun obradoiro de química no que en pequenos grupos fixemos algúns experimentos.

Unha saída moi enriquecedora que compartimos cos nosos compañeiros e compañeiras do CEIP O Castiñeiro de Laza.

Tras un longo e divertidísimo día, emprendemos a viaxe de volta na que fixemos unha parada técnica para merendar. Foi unha xornada xenial!


Distribuir contido


by Dr. Radut