Skip to Content

Animación á lectura

Mes da Ciencia en galego

Sabedes que a ciencia engloba moitísimos campos? Dende a nosa biblio, gústanos que os nenos e nenas coñezan e poidan investigar en todos eles. Por iso xa temos no noso recuncho de suxestións deste mes, publicacións relacionadas coa tecnoloxía, as matemáticas, a bioloxía, o espazo, os inventos e os experimentos. Unha chea de recursos que esperamos os nosos alumnos/as desfruten e que esperten neles o seu espírito científico. 

Un encontro co terror e a imaxinación

O pasado martes 22 de outubro, para conmemorar o Día das Bibliotecas que se celebra o 24 de outubro,  tivemos o privilexio de recibir a Sabela Gago, que compartiu connosco a súa paixón polos libros a través dun contacontos que deixou a tódolos/as presentes fascinados.

A visita de Sabela non foi tan só unha oportunidade para gozar dunha boa historia senón tamén un recordatorio da maxia que pode ofrecernos a lectura.

A través do seu entusiasmo e imaxinación amosounos como os libros poden ser portas a mundos descoñecidos, onde as palabras cobran vida e as personaxes como Felipe e Felipa convértense en novos compañeiros/as de aventuras. Unha vez máis... grazas Sabela!  

Mes do Samaín na biblioteca

Achégase o Samaín e na biblioteca do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira temos preparada unha selección de libros nos que poderedes ler algunhas das nosas historias terroríficas preferidas pero tamén atoparedes outros nos que aprenderedes curiosidades sobre esta festa, atoparedes manualidades ou ideas para vestirse dun xeito aterrador!

MOCHILAS VIAXEIRAS TERRORÍFICAS

Estoxos feitos a man

E este mes non paramos de coser! Porque cando algo nos gusta, facémolo ata a saciedade. Así que aproveitando o fin de curso, e para que os nenos levasen un recordo de todo o traballado dende POLOS CREATIVOS e dende a biblio, os máis maiores fixeron estes estoxos, que eles mesmos cortaron e coseron. Logo, coa axuda dunha plotter de corte, cortamos os adhesivos co logo do centro para personalizalos. Encántanos o resultado! Xa temos ganas de volver en setembro para seguir argallando cousas. Bo verán!


Xuño: mes da volta ao mundo na biblioteca

As vacacións xa case están aí! E dende a biblio queremos achegar aos nosos lectores a todas as partes e recunchos do mundo que poidan imaxinar. Así que este mes no noso recanto de recomendacións, presentamos unha escolma de libros sobre xeografía e lugares do mundo que vos transportarán a onde vós queirades. Imos aló!

O cole entre costuras

Sabedes que? Na biblio do cole dende hai uns meses temos unha máquina de coser! Ao principio os nenos e  nenas pareceunos moi estraño e preguntabamos a miúdo que porque estaba aquilo alí. E xa o entendemos! Os profes do cole estiveron aprendendo a empregala para agora ensinarnos a nos a usala!! Desta vez tocounos aos maiores, que con moito esforzo fomos cortando e cosendo un moedeiro. Daba un pouco de medo pero, foi moi divertido! E xa temos ganas se usala de novo noutro novo proxecto de costura que temos en mente...pronto volo ensinaremos!

Recuperando voces perdidas II

Con motivo da Semana do Libro o noso alumnado recitou poemas de Rosalía de Castro, Anisia Miranda, Gloria Fuertes, Álvaro Cunqueiro, etc. aquí vos deixamos unha fermosa escolma.


Xogando e aprendendo

Dentro da liña “Bibliotecarios” do noso PFPP para o curso 23-24 seguimos traballando sobre o concepto integrador da Biblioteca Escolar. A biblioteca é unha ferramenta indispensable para desenvolver no noso alumnado capacidades como pensar, crear, imaxinar e moitas outras. E, a gamificación como estratexia é unha ferramenta moi motivadora. 

Tendo iso presente estamos convencidos que xogar é unha das formas preferidas do noso cerebro para aprender. E na biblioteca non nos iamos quedar atrás con este tema. Os nosos profes crearon este recuncho na biblioteca, ben provisto con xogos de mesa e de enxeño para desfrutar mentres facemos uso deste espazo. Estamos encantados co resultado!

 

Mes do Medio Ambiente na biblioteca

Ensinar a coidar o medio ambiente é ensinar a coidar a vida. Na biblioteca do cole temos claro que todas as aprendizaxes son importantes e vitais para un desenvolvemento persoal e social completo. A adquisición dos valores morais dende ben pequenos axudaranos a crear un mundo mellor, e unha parte crucial deles é o respecto e coidado do medio no que vivimos.

Distribuir contido


by Dr. Radut