Skip to Content

Benvida

Benvidos/as á Web do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira!

Sitio web do CENTRO EDUCATIVO.

 

Gañadoras do VI Concurso de Cabazas de Samaín

O VI Concurso de Cabazas de Samaín foi todo un éxito! Queremos felicitar a tódolos/as participantes pola súa incrible creatividade. A calidade dos traballos presentados nesta edición superou tódalas expectativas, amosando unha vez máis o talento que hai entre o noso alumnado e familias.
Parabéns a Ada, Mía e Ysabella por resultar gañadoras nesta edición.

Celebración do Magosto 2024

O pasado venres 8 de novembro tivemos a oportunidade de celebrar o Magosto cos compañeiros e compañeiras do CPI Laureno Prieto da Gudiña. Foi unha xornada de convivencia, xogos e de degustar un delicioso menú.

A xornada estivo repleta de actividades que nos fixeron gozar e aprender sobre unha tradición tan nosa. Participamos en diversos xogos que fixeron que o pasaramos moi ben e que fixeramos novos amiguiños e amiguiñas.

Entre as delicias gastronómicas houbo bolos preñados, churrasco, crioullos, castañas asadas e bica. E estaba todo riquísimo!

Os nosos compañeiros/as sorprendéronnos cun portacastañas feito a man moi orixinal e unha actuación musical que nos deixou a todos/as impresionadas e impregnou o ambiente de ritmo e alegría.

Queremos aproveitar para expresar o noso agradecemento a Carlos e Nuria, que dedicaron toda a mañá a asar castañas para que puideramos comelas ben quentiñas.

En resumo, o magosto foi unha xornada divertidísima e en moi boa compañía. Así que xa esperamos con ansia a vindeira celebración! 

Observa_Acción

Unha boa nova máis! E é que fomos escollidos para participar no programa de formación Observa_Acción. E sabedes o mellor? SOMOS O ÚNICO CENTRO DA PROVINCIA SELECCIONADO!!!

Dominar a arte do ensino leva tempo e require práctica e esforzo sostido. A observación e a reflexión son ferramentas esenciais na carreira profesional docente.

Pero de que estamos a falar?

O programa Observa_Acción ten como finalidade fomentar o desenvolvemento profesional nas Competencias Profesionais Docentes para a cooperación e colaboración, a construción conxunta de coñecemento, a internacionalización das organizacións e o liderado e xestión de centros, a través do intercambio de boas prácticas e a observación entre iguais.

ANO I: Fase Autonómica. Desenvolverase ao longo do curso académico 2024/25 entre os meses de novembro e xuño e será de carácter obrigatorio para todos os centros participantes. Esta fase constará de dúas etapas:

• Etapa Comparte: Desenvolverase no propio centro educativo.
• Etapa Acolle: Desenvolverase con outros centros da comunidade galega.

Mes da Ciencia en galego

Sabedes que a ciencia engloba moitísimos campos? Dende a nosa biblio, gústanos que os nenos e nenas coñezan e poidan investigar en todos eles. Por iso xa temos no noso recuncho de suxestións deste mes, publicacións relacionadas coa tecnoloxía, as matemáticas, a bioloxía, o espazo, os inventos e os experimentos. Unha chea de recursos que esperamos os nosos alumnos/as desfruten e que esperten neles o seu espírito científico. 

Plan Proxecta+

Unha vez máis estamos de parabéns pois concedéronnos tres dos catro programas de innovación educativa que solicitamos.

Pero... que é o Plan Proxecta+?

O Plan Proxecta+ é unha iniciativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que promovan o traballo cooperativo, interdisciplinario e competencial, pero que ademais estean comprometidos coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

Este curso traballaremos os seguintes:

-Vexo, vexo Xacobeo: Que ten como obxectivo achegar ao alumnado os valores do Xacobeo e do Camiño de Santiago.

-Protexe os animais: Este programa consistirá en desenvolver un proxecto que fomente o respecto na protección dos animais domésticos e asente valores fundamentais na tenza responsable de mascotas.

-Donas de si: Desenvolveremos un proxecto relacionado coa visibilización e empoderamento das mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega.

Halloween - Samaín 2024

O pasado 30 de outubro nun ambiente de misterio e terror celebramos o Halloween e o Samaín no cole. Dúas festividades que nos brindaron a oportunidade de explorar tradicións e gozar de actividades emocionantes.

A xornada comezou cunha expresión de creatividade sen límites xa que alumnado e profesorado apareceron disfrazados con traxes de todo tipo, dende bruxas e esqueletos ata pallasos maléficos. As cabazas do concurso foron, como cada ano, orixinais e arrepiantes e estiveron expostas na entrada, que estaba decorada de xeito aterrador, con teas de araña e insectos que daban moito medo!   

Ademais, organizamos unha exposición de sombreiros de bruxa onde a imaxinación desbordou en cada un deles.

Para xantar, o noso comedor transformouse cunha decoración alucinante e cun menú temático que deleitou a todos/as. Linguas de lagarto ensanguentadas, caldeiro de ósos con dentes de bruxa e mexos de morcego con vermes fixeron que a experiencia culinaria fose tan divertida como deliciosa.

A xornada culminou do mellor xeito, cunha sesión de cine terrorífica e flocos de millo. Agrademos a tódalas familias participantes e ao alumnado que contribuíron para que a celebración fose todo un éxito! Agardamos con entusiasmo a próxima celebración!

Carreira "Campo a Través"

O pasado 24 de outubro o alumnado de 2º a 6º de Educación Primaria participou con entusiasmo na carreira de Campo a Través en Tintores, unha actividade enmarcada no programa Xogade. O programa Xogade ten como obxectivo promover a actividade física e os valores deportivos. Este evento deportivo reuniu a alumnado de distintas idades e centros educativos da comarca.

Mía, de 2º de Educación Primaria, clasificouse quedando segunda. O seu esforzo foi evidente mentres corría con determinación ao longo do percorrido. Esta vitoria non foi só motivo de orgullo para Mía senón que tamén é un exemplo inspirador para os seus compañeiros/as.

Parabéns a Mía e a todo o alumnado pola súa participación e esforzo!

Work in progress... OBRAS NO CENTRO

Estimada comunidade educativa,

Dirixímonos a vós para informarvos de que estamos levando a cabo obras importantes no colexio. Estas melloras son parte do noso compromiso continuo por ofrecer un entorno educativo de calidade e seguro para o noso alumnado e en definitiva para toda a comunidade educativa.

Estas obras implican reforma integral de baños, substitución de teitos e luminarias, instalación de novas portas de acceso, arranxo do patio infantil e do depósito de calefacción entre outras.

Entendemos que estes traballos poden causar algunhas molestias temporais polo que pedimos desculpas por calquera inconveniente que se poida ocasionar mentres duren as obras.

O obxectivo que perseguimos e ofrecer un centro mellor a tódolos niveles e por iso traballamos a reo para conseguilo. Agradecemos a vosa comprensión.

Un encontro co terror e a imaxinación

O pasado martes 22 de outubro, para conmemorar o Día das Bibliotecas que se celebra o 24 de outubro,  tivemos o privilexio de recibir a Sabela Gago, que compartiu connosco a súa paixón polos libros a través dun contacontos que deixou a tódolos/as presentes fascinados.

A visita de Sabela non foi tan só unha oportunidade para gozar dunha boa historia senón tamén un recordatorio da maxia que pode ofrecernos a lectura.

A través do seu entusiasmo e imaxinación amosounos como os libros poden ser portas a mundos descoñecidos, onde as palabras cobran vida e as personaxes como Felipe e Felipa convértense en novos compañeiros/as de aventuras. Unha vez máis... grazas Sabela!  

Distribuir contido


by Dr. Radut