CRITERIOS E PROCEDEMENTO DE DISTRIBUCIÓN DE MÁSCARAS ENTRE O ALUMNADO
No DOG de hoxe, 13 de novembro de 2020, publicouse a Orde pola que se regulan os criterios e o procedemento de distribución de máscaras entre o alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes públicos dependentes desta consellería e en centros privados concertados no curso 2020/21 (código de procedemento ED330E).
Alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial:
1. Non ten que presentar solicitude
O alumnado beneficiario da axuda de material escolar no curso 2020-2021.
2. Ten que presentar solicitude
O alumnado que non foi beneficiario da axuda de material escolar no curso 2020-2021 que cumpra algunha das seguintes condicións:
• Que pertenza a unha familia cunha renda per cápita igual ou inferior a 6.000 €.
• Alumnado matriculado en educación especial.
• Alumnado suxeito a tutela ou garda da Xunta de Galicia.
• Alumnado cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65%.
A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2020/21; se están admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros.
As solicitudes deberán presentarse presencialmente no centro docente onde estea matriculado o alumno/a utilizando o formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Este formulario e solicitude (anexo I) tamén estará dispoñible:
a) No centro docente.
b) No portal educativo, enderezo http://www.edu.xunta.gal
Presentación de solicitudes: Con cita previa en horario de 09:55 a 10:35.
O prazo para presentar as solicitudes será de diez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e dicir, do 16 ao 27 de novembro de 2020.
Para os efectos desta orde, a renda per cápita da unidade familiar é o resultado de dividir a renda da unidade familiar do exercicio fiscal 2018 entre o número de membros computables
A renda da unidade familiar será o resultado de sumar as rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Cando se presentase declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas no exercicio fiscal 2018, sumaranse a base impoñible xeral (recadro 435) e a base impoñible do aforro (recadro 460); cando non se presentase, teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.