Importante: Novas sobre o transporte escolar.
A finais do mes de xuño fixéronse públicos os listados para o servizo de transporte que contabamos ter polo traslado provisional ás instalacións do Albergue da Marina. Xa comentabamos que "a información ten carácter provisional xa que nos falta a confirmación da Consellería polo que podería haber variacións". Houbo variacións, e malas.
Onte pola tarde comunicábase á dirección do centro, desde o Concello de Sada, a nova de que a Consellería non dotaría de servizo de transporte ao noso Colexio e que o Concello de Sada habilitaría un solo autobús para trasladar aos que residiran a máis de dous quilómetros do Albergue.
A partir dese momento intentouse, desde a Asociación de nais e pais e a dirección do centro, que a Consellería e Concello reconsiderasen esa decisión sen que ata este momento houbese resultado positivo. Intentamos razoar que é un traslado forzoso por circunstancias extraordinarias, a falta de espazo na entrada do Albergue para permitir a entrada de vehículos, a falta de aparcamento nas proximidades, os problemas de seguridade vial que van ocasionar,... Seguimos confiando en que se reconsidere a decisión. Tamén estamos á espera de saber como se vai organizar o servizo dese autobús e quen poderá utilizalo.