Skip to Content

Curso 2015-16

TEATRO EN INGLÉS - 5EP

O venres 29 de xaneiro os nenos/as de 5º de EP fomos ver unha obra de teatro en inglés, titulada "Alice" e que se representou na sede de "Afundación" de Ferrol.

 Ademais da protagonista, unha nena chamada Alice, aparecían outros personaxes: "a Leprechaun", "the white Rabbit", " the Queen of Hearts", "Santa", "a Skeleton", "The Mad Hatter"and "a clock".

 Nun momento da obra escolleron a un neno e unha nena do público para botar unha man á raíña de corazóns. E sabedes que un deses nenos era do noso cole? Pois si, era Ibrahim de 5º A e durante un anaco foi un garda ao servizo da temible raíña!

 Pareceunos unha obra fantástica, divertida, fabulosa e moi axeitada para nenos e nenas de 5º.  E a pesar de ser en inglés entendímola perfectamente grazas ao bo traballo dos actores (Blue mango theatre), e por suposto, tamén porque somos moi listiños!

 

Maquetas dos ecosistemas.

Presentación das maquetas dos ecosistemas presentadas por alumnado de 5º EP 

Fai click na imaxe para visualizar 

A ENERXÍA NOS NOSOS FOGARES

   O pasado 11 de decembro o alumnado de 4º de primaria fomos á Aula de Ecoloxía Urbana para aprender a utilizar mellor as fontes de enerxía e ao mesmo tempo contaminar o menos posible.

    Empezamos o  obradoiro “A enerxía nos nosos fogares” lendo unha carta que nos envían os habitantes do futuro, que por certo, pensamos que poderían  ser os nosos fillos ou os nosos netos; pedindo que coidemos o noso planeta Terra porque o están atopando moi estragado.

     Por medio de xogos aprendimos que aparatos dos que usamos habitualmente consumen máis ou menos, que fontes de enerxía son máis limpas…, pero a conclusión final á que chegamos foi  que aforrando enerxía estamos contrubuíndo a coidar o noso planeta.

A MELLOR ENERXÍA É A QUE NON SE CONSUME

Programa de emprendemento "Atrévete"

Os alumnos de 6º de Educación Primaria participamos no programa "Atrévete a ter unha idea".

No mes de xuño marcharemos de viaxe e, como nos parecía un pouco caro a prezo, puxémonos a pensar como recadar cartos e ocorréusenos poñer un posto de doces no patio do cole.

O primeiro día da venda foi un éxito e entón empezaron a xurdir novas ideas. É divertido e participamos todos, pero tamén nos demos conta de que non é un xogo. Manexamos cartos e decidimos como reinvertilos. Botamos contas todas as semanas, porque temos que rexistrar gastos e ganancias. Cando vemos moitos cartos no rexistro... poñémonos moi contentos!

Queremos agradecer a participación das familias, pois grazas á súa colaboración podemos poñer en marcha a nosa empresa.

Xa vos iremos contando.

XORNADAS "SOBRE RODAS"

O alumnado de 4º, 5º e 6º curso de Primaria estivo a participar no programa "sobre Rodas" impulsado polo club de baloncesto en cadeira de rodas Basketmi e subvencionado pola deputación da Coruña, co obxecto de "promover o deporte adaptado e inclusivo".

Os días 2, 4 e 10 de decembro tiveron a oportunidade de practicar o baloncesto en cadeira de rodas, "poñéndose na pel das persoas con diferentes tipos de eivas" e "permitíndolles ver a discapacidade doutra forma completamente diferente".

Visita ao MUNCYT e ao Aquarium Finisterrae

Os  nenos e nenas de 3º e 4º fomos á Coruña a visitar o Museo de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) e o Aquarium Finisterrae.

A primeira visita foi ao Muncyt, onde coñecemos os simpáticos Pepexán e Marilú, unha parella de robots namorados cos que puidemos falar.

Na sala do século XX, dividíronnos en equipos para buscar aparellos dese século: unha radio, un coche, un teléfono, unha antena, unha televisión e o primeiro ordenador, era moi grande e non tiña pantalla, só valía para ver unha empresa o que tiña que pagar aos seus empregados. Foi utilizado por RENFE.

Vimos unha lámpada dun faro, como a da Torre de Hércules, que alumeaba con petróleo antes de que existise a luz eléctrica.

Sorprendeunos  un espazo dedicado a Ángela Ruíz Robles, mestra, escritora e inventora dunha enciclopedia mecánica que se considera precursora do libro electrónico. Foi profesora e directora do noso colexio hai moitos anos, na fachada hai unha placa colocada, na súa honra, polo Concello de Ferrol.

O que máis nos chamou a atención foi ver a parte dianteira dun avión, na que vimos os asentos de primeira clase e a cabina desde donde se pilota. Era dun Boeing 747 doado por Iberia e que nos seus tempos era o máis grande, podían viaxar nel 500 persoas.

Non sabiamos que as ás e o chan dos avións están feitos con cartón como material de base, para que pesen menos.

Comemos  na área de picnic do museo MUNCYT. Gustounos comer todos os compañeiros e compañeiras xuntos. Despois fomos a un parque, paseamos por Riazor e vimos o estadio do Dépor.

Pola tarde fomos ao Aquarium, entramos na incrible sala Nautilus na que vimos moitas clases de peixes, crustáceos, polbos, tiburóns pequenos e o gran tiburón touro chamado Gastón, que todos estabamos desexosos de ver.

Aprendemos que hai tiburóns que comen a outros, que nacen de ovos pero dentro do ventre da nai, e que como todos os peixes, dormen sen pechar os ollos porque non teñen  pálpebras.

Que os polbos comen os seus propios brazos cando non poden capturar as súas presas e que son animais moi intelixentes.

No exterior, vimos as focas.

 Foi unha excursión moi divertida e aprendemos moito.

 

PINTURA PAISAXE FERROLÁ

Na imaxe o alumnado de 3º EP na súa visita ao Carvalho Calero, o 18 de setembro, para asistir a unha interesante exposición de pintura.

A mostra está composta por unha colección de cadros de pintores moi emblemáticos de Ferrol como Sotomayor, Collado, Ricardo Segura, Villaamil ou Bello Piñeiro entre outros. Pero tamén hai obras de Andrés Gabarres, novo pintor ferrolán, estudante da facultade de Belas Artes de Madrid.

A exposición estará dispoñible ata o 24 de outubro. Os rapaces e rapazas de 3º así como as súas profesoras recomendan esta visita.

E seguindo esta recomendación, o venres 9 de outubro fomos o alumnado de 5º EP os que visitamos a exposición. Aínda que moitos destes pintores xa están falecidos tamén había obras doutros dos que aínda esperamos moitos traballos, especialmente chamounos a atención os dous cadros de Andrés Gabarres, pola súa luminosidade e o seu realismo, e porque é un pintor moi novo.

Tamén queremos agradecer ás monitoras as súas marabillosas explicacións, moitas grazas, saímos de alí con moitísimas ganas de empezar a pintar.

 

Os nenos e nenas 4º de EP tamén visitamos esta exposición. Saímos moi fachendosos por ter na nosa cidade tantos e tan bos pintores.

Gustáronnos moito todos os cadros, chamounos a atención especialmente un de Máximo Ramos que nós interpretamos como unha onda do mar.

Dende o CEIP Recimil queremos animar a Andrés Gabarres, o máis novo destes pintores, a que siga pintando tan ben. Queremos ademais agradecer ás monitoras as súas explicacións, que nos axudaron a comprender mellor o que estabamos a ver en cada cadro.

Distribuir contido


by Dr. Radut