Skip to Content

Visita ao MUNCYT e ao Aquarium Finisterrae

Os  nenos e nenas de 3º e 4º fomos á Coruña a visitar o Museo de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) e o Aquarium Finisterrae.

A primeira visita foi ao Muncyt, onde coñecemos os simpáticos Pepexán e Marilú, unha parella de robots namorados cos que puidemos falar.

Na sala do século XX, dividíronnos en equipos para buscar aparellos dese século: unha radio, un coche, un teléfono, unha antena, unha televisión e o primeiro ordenador, era moi grande e non tiña pantalla, só valía para ver unha empresa o que tiña que pagar aos seus empregados. Foi utilizado por RENFE.

Vimos unha lámpada dun faro, como a da Torre de Hércules, que alumeaba con petróleo antes de que existise a luz eléctrica.

Sorprendeunos  un espazo dedicado a Ángela Ruíz Robles, mestra, escritora e inventora dunha enciclopedia mecánica que se considera precursora do libro electrónico. Foi profesora e directora do noso colexio hai moitos anos, na fachada hai unha placa colocada, na súa honra, polo Concello de Ferrol.

O que máis nos chamou a atención foi ver a parte dianteira dun avión, na que vimos os asentos de primeira clase e a cabina desde donde se pilota. Era dun Boeing 747 doado por Iberia e que nos seus tempos era o máis grande, podían viaxar nel 500 persoas.

Non sabiamos que as ás e o chan dos avións están feitos con cartón como material de base, para que pesen menos.

Comemos  na área de picnic do museo MUNCYT. Gustounos comer todos os compañeiros e compañeiras xuntos. Despois fomos a un parque, paseamos por Riazor e vimos o estadio do Dépor.

Pola tarde fomos ao Aquarium, entramos na incrible sala Nautilus na que vimos moitas clases de peixes, crustáceos, polbos, tiburóns pequenos e o gran tiburón touro chamado Gastón, que todos estabamos desexosos de ver.

Aprendemos que hai tiburóns que comen a outros, que nacen de ovos pero dentro do ventre da nai, e que como todos os peixes, dormen sen pechar os ollos porque non teñen  pálpebras.

Que os polbos comen os seus propios brazos cando non poden capturar as súas presas e que son animais moi intelixentes.

No exterior, vimos as focas.

 Foi unha excursión moi divertida e aprendemos moito.

 



page | by Dr. Radut