Horto escolar. 06-07


 horto1  

O pasado 15 de Marzo botou a andar o Horto Escolar do CEIP Pío XII de Santiago de Compostela. Este proxecto didáctico, é  froito da colaboración entre ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) e o Concello de Santiago de Compostela.

O invernadoiro do centro acolleu as diferentes especies de cultivo, á vez que serviu de punto de encontro para realizar o traballo máis práctico. Durante os meses nos que se desenvolveu este proxecto (Marzo a Xuño) realizamos actividades diversas, entre elas, sementeira de rabaniños, transplante de pementos, tomates, pepinos, porros, repolos leitugas..., estudo das especies arbóreas, observación con lupa binocular de flores e follas, medición do pH...etc. O obxectivo fundamental que se pretendía acadar con estas actividades era que os/as nenos/as desfrutaran aprendendo e que se decataran da importancia do solo, das prantas, do sol e do respecto ao medio. Consideramos que este obxectivo se cumpriu folgadamente e o resultado foi moi positivo. Sería moi interesante poder continuar co horto escolar en anos sucesivos, incluso cultivar un anaquiño de terra no exterior de xeito que se puidera comparar o cultivo baixo plástico co cultivo en condicións naturais.

Gustarianos por último agradecer as todas as persoas que participaron dalgún xeito neste proxecto, especialmente aos verdadeiros protagonistas, os nenos e as nenas.