![](https://www.edu.xunta.gal/centros/ceiplopezestrada/system/files/Feliz%20D%C3%ADa%20das%20Letras%20Galegas.jpg)
Hoxe é o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Luísa Villalta.
Durante a semana realizamos diversas actividades sobre a autora homenaxeada, e hoxe queremos lanzar un concurso para todas as nenas e nenos do CEIP Francisco López Estrada:
CONCURSO DE POEMAS ACRÓSTICOS EN GALEGO
Acróstico provén do grego ákros: extremo, e stikhos: liña ou verso, e é unha composición poética na que as letras iniciais de cada verso ou oración, lidas en sentido vertical, forman un vocablo ou unha locución.
Animámosvos a crear un poema acróstico que lido en vertical forme o topónimo: O BARQUEIRO
Pode rimar ou non (prosa poética ou poema en prosa). Aquí deixamos un exemplo creado polas nenas e nenos de 4º e 5º EP na clase de lingua galega o curso pasado:
O POBO MÁIS FERMOSO DO MUNDO ENTEIRO
Beleza infinita,
Abre os teus ollos.
Rompen as ondas na beira do mar,
Quenta o sol sobre a Ponte Vella,
Unha lanchiña fondea na ría,
Entra o vento do Nordés.
Imaxina vivir aquí,
Rodeado de auga e bosques, no Barqueiro...
O pobo máis fermoso do mundo enteiro!
Deixade voar a vosa imaxinación e poñede a traballar a vosa creatividade.
A participación é completamente voluntaria.
Podedes traer as vosas composicións ao cole ata o venres, 24 de maio.
![](https://www.xerais.gal/imagenes/libros/9788411104470-luisa-villalta-alma-de-violino.jpg)
O gañador/a será premiado co libro Alma de Violino, de Luísa Villalta, e algunha cousiña máis.
Actualizado o 28 de maio de 2024:
Xa temos gañadora do concurso.
Parabéns, Julia!!!!
![](https://www.edu.xunta.gal/centros/ceiplopezestrada/system/files/IMG_20240528_195245.jpg)