CHEGA O VERÁN… tempo de erguerse tarde, de mergullarse na piscina, de saltar nas ondas da praia, de asistir ás festas coa familia e os amigos, de facer excursións, ir de acampada ou facer algunha viaxe.
Pero de seguro que haberá momentos como un ratiño antes de durmir, tumbados á sombra dunha árbore, tomando o sol e mesmo acostados no sofá, nos que a compaña dun libro faranos voar a países e lugares imaxinarios e vivir emocionantes aventuras cheas de maxia, fantasía, humor, misterio… acompañados de todo tipo de personaxes que só viven nos libros.
Aproveitando estas vacacións, a biblioteca do colexio pon a disposición do alumnado (desde 1º ata 5º de Primaria) e as familias o empréstito de ata cinco libros para os nenos e nenas e de tres para os pais e nais.
Pedimos a vosa axuda no coidado deste material para que esta iniciativa se poida repetir nos próximos anos.
Agradecémosvos de antemán a vosa colaboración e desexámosvos un bo verán e felices lecturas.
O Equipo de Biblioteca.