ARPA LEAP MOTION

Hoxe o alumnado de quinto de primaria participou nunha videoconferencia sobre robótica dentro do proxecto ARPA LEAP MOTION. O reto consistía en conseguir deseñar, programar e facer soar un arpa para que o alumnado creara a súa propia música. Para acadalo, a investigadora Susana Oubiña introduciu aos rapaces e rapazas na robótica utilizando o software Scratch 2.0, que conectou ao dispositivo de infravermellos Leap Motion. Como produto final, obtívose un instrumento musical (arpa), que se podía usar de maneira moi sinxela, só movendo no aire os dedos das mans.

     

 

LISTA DE ADMITIDOS

 

 

Xa están publicadas no taboleiro de anuncios as listas do alumnado admitido. A formalización da matrícula será do 20 ao 30 de xuño.

Mentres a natalidade na nosa vila vai descendendo, a matrícula no  noso centro vai aumentando.

Grazas por confiar en nós !!!

!  

 

AUTOPROTECCIÓN

Agradecemos a Protección Civil de Pontedeume o cariño e a paciencia que están mostrando cando explican ao noso alumnado de que medios dispoñen, cales son os posibles riscos e como debería afrontar unha situación de perigo.

                                                 

 

VAI X DIANTE

Estes días o alumnado de sexto de primaria participa no programa  do Concello de Pontedeume "VAI X DIANTE". O seu obxectivo é a prevención do consumo de drogas no ámbito educativo.

Están a traballar tanto as competencias conductuais, sociais e cognitivas como as emocionais. A finalidade é que poidan mostrarse máis competentes para establecer vínculos prosociais e facer fronte ás presións do ambiente favorables ao desenvolvemento de condutas de risco para a saúde.

 

DÍA DA POESÍA

O pasado venres,18 de marzo, celebramos o Día da Poesía. Este ano decidimos saír á rúa e recitar os distintos poemas de Manuel María recollidos no seu libro "Os soños na gaiola". Con eles percorremos diferentes lugares da nosa vila, e este foi o resultado...

FOTOS


ALMORZOS PARA MADRUGADORES

      O alcalde de Pontedeume anuncia a posta en marcha do programa "Almorzos para madrugadores" no noso centro.

      Esta medida axudará a conciliar a vida familiar e laboral das familias do noso concello.

Ver noticia en La Voz de Galicia ou en Diario de Ferrol

 

 

SEGURIDADE E CONVIVENCIA

 

Dentro da nosa participación no Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos, un experto da Garda Civil deu hoxe unhas charlas no noso centro ao alumnado de quinto e sexto sobre temáticas que favorecen a convivencia.

Dada a súa importancia e utIlidade tanto o acoso escolar como os riscos asociados a internet e ás novas tecnoloxías acapararon boa parte do diálogo que se estableceu co alumnado e profesorado presente.

         

ENTROIDO 2016

Un curso máis estamos satisfeitos de ter superado o reto que supón cada ano a celebración do Entroido.

Desenvolver un proxecto que implica a 340 alumnas e alumnos, dos que un centenar son de infantil, supón unha gran organización e un enorme traballo colaborativo de toda a comunidade escolar.

Grazas aos que coa súa aportación fixeron posible este éxito.

Se premedes nas imaxes veredes os vídeos

ENTROIDO 2016

 

Este vindeiro venres, día 5, festexaremos o Entroido.

Entre outros actos, o alumnado do centro presentará as súas comparsas no pavillón da Casqueira onde contamos coa vosa presenza.

O único acceso ao pavillón para as familias será pola Avda. de Ferrol e os horarios serán aproximadamente os seguintes:

  • 10:45 horas: Desfile polo pavillón.
  • 11:15 horas: Comezo do acto.
  • 12:00 horas: Remate do acto.

Día da Paz

Como xa é tradición no noso cole, hoxe conmemoramos o DÍA DA PAZ. Este ano, debido ao recente Nadal e a inminente chegada do Entroido, decidimos facer unha celebración interna. Botamos de menos a presenza das familias que en anos precedentes participaron e encheron de vida a nosa festa  na que, como é habitual, tivo lugar a lectura dun manifesto por parte de alumnado de sexto e a tradicional solta de pombas.     

 


Distribuir contido