Comezamos con enorme ilusión este novo curso e ... Que mellor forma de facelo que gozando do deporte e dos compañeiros/as? O exercicio físico é fundamental para a nosa saúde, tanto física como social e mental. Por este mesmo motivo, ao longo de todo o curso, dende o colexio darémoslle a importancia que ten ao deporte e á actividade física.
Un dos momentos onde a actividade deportiva cobra maior relevancia é nos tempos de recreo, así pois e como se iniciou o curso pasado, volveremos a organizar os recreos no patio. Propóñense actividades variadas para todos os días da semana, con distinto material para non caer na monotonía e nos mesmos xogos de sempre.
Para levar a cabo a distribución e recollida de material, haberá dous alumnos/as cada día, de 5º e 6º de Primaria. Tomarán nota, ao finalizar o recreo, de que todo o material fose devolto e concienciarán aos máis pequenos de facer un uso responsable do mesmo.
A pasalo mooooi beeeen!