O venres 3 de xuño visitounos no cole Moncho Vidal, máis coñecido na nosa vila como Moncho O Ceboleiro. Relatou a súa experiencia colaborando como membro dunha ONG dedicada á axuda humanitaria en países en conflito. Neste momento a súa actividade está centrada na repatriación de persoas de orixe ucraína ao noso país e no envío de artigos de primeira necesidade, como poden ser alimentos non perecedoiros, material sanitario cirúrxico, artigos de hixiene persoal…
Moncho chegou en compaña de dúas mozas ucraínas, Liza e Nika, que acudiron ao centro para contarnos a súa experiencia nestes máis de 100 días nos que o seu país leva en guerra. Tres alumnos de 6º: Manu, Celtia e Mateo Tomé, coa colaboración de Queta, a profe de inglés, foron os encargados de entrevistalas dende a radio do cole. Resultou unha entrevista moi persoal onde contaron como eran as súas vidas antes de comezar a guerra e onde manifestaron o seu sentimento de angustia ante un futuro cheo de incertidume.
Despois do programa de radio, todo o alumnado de Infantil e Primaria xunto co profesorado, escoitamos a experiencia vivida por Moncho nas dúas viaxes que realizou ata a fronteira de Polonia para repatriar a persoas ucraínas a Galicia. Amosounos imaxes destas viaxes que, unidas ás súas palabras, impactaron de cheo nos nosos corazóns.
Tamén apelou á nosa solidariedade e agradeceu o interese por coñecer de primeira man o que está a acontecer en Ucraína.
Esta charla foi a primeira parte dunha actividade solidaria programada dende a escola, que culminará o día 20 de xuño coa realización dunha andaina solidaria a favor de Ucraína. A marcha partirá dende o centro e percorrerá a contorna da Barquiña.
Xa de volta, no cole, os rapaces e rapazas gozarán dunha merenda saudable para, de seguido, amenizar a xornada cunha actividade de zumba impartida por Luis Sampaio, que coloborará de forma altruísta connosco.