Decreto de formación do profesorado
A Xunta de Galicia vai traballar nun novo decreto para regular a formación do profesorado e axustala ás necesidades actuais e blindala como elemento chave para a calidade do ensino e a mellora permanente da atención que recibe o alumnado. Con esta finalidade, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP iniciará esta semana o proceso coa publicación no Portal de Transparencia do anuncio para recoller achegas previas de cara a elaborar un novo decreto que modernice estas actividades e as adapte aos novos desafíos.
O novo texto avanzará sobre o texto vixente, que data de 2011, e regulará un modelo de formación permanente con vocación de mellora, pensamento innovador e sustentado no traballo realizado en anos anteriores, nos que se veñen rexistrando récords de participación nas actividades do Plan de formación do profesorado. Non en balde, o curso pasado realizáronse un total de 5.854 actividades, un 6% máis ca no curso anterior, das que gozaron máis de 31.370 docentes, o 87% do profesorado galego.
Precisamente, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participa hoxe nunha das actividades previstas no Plan de formación do profesorado deste ano, unha xornada de mentorización de novas direccións de centros de ensino. É a primeira vez que se celebra esta actividade, de nivel avanzado, no marco do itinerario específico de formación de equipos directivos, no que a Xunta está a facer un especial fincapé polo papel fundamental destas persoas nos centros.
Novos retos sociais e tecnolóxicos
A nova normativa terá carácter proactivo, con intención de anticiparse aos continuos e cada vez máis rápidos cambios que afectan en xeral á sociedade e, como parte dela, ao sistema educativo en eidos como a dixitalización, a intelixencia artificial, a internacionalización ou o incremento da multiculturalidade nas aulas, entre outros.
Tamén buscará a promoción e o desenvolvemento das competencias profesionais do profesorado para contribuír á mellora da calidade da educación, conxugando a súa necesaria actualización -para facer fronte ás novas necesidades da sociedade actual- coa resposta que debe dar ás súas expectativas de mellora no exercicio profesional.
Para iso, proporase unha resposta dinámica e flexible ás esixencias do sistema educativo, concedendo un especial protagonismo ás necesidades de cada centro. De feito, situarase aos centros de ensino como núcleo central da acción formativa do profesorado, aínda que á fronte da Rede de formación permanente do profesorado seguirán, ademais do servizo encargado na Consellería, o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e os centros de Formación e Recursos (CFR).
Así mesmo, o novo texto fomentará a investigación e a innovación educativa, así como a constitución de redes de colaboración e coaprendizaxe docente.