G2302034 Xornada do Día das Letras Galegas. Luísa Villalta
Docentes das catro provincias galegas reuniranse para se formar, reflexionar e debater arredor da figura de Luísa Villalta na Xornada do Día das Letras Galegas. Luísa Villalta organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).
Literatura, poesía, tradución, xornalismo, compromiso e universalismo
Logo da presentación oficial que contará coa presenza de Valentín García, secretario Xeral de Política Lingúística, Susana Villalta, irmá de Luísa Villalta, desenvolveranse as conferencias da man de estudosos/as de recoñecido prestixio (Marga do Val, Inma López Silva, Henrique Rabuñal, Manuel Naveira, Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut ) que abordarán desde diferentes perspectivas a figura de Luísa Villalta (biografía, poesía, narrativa, teatro, compromiso...) así como unha mostra de boas prácticas e experiencias dos equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) dos centros educativos relativas á difusión da obra da escritora.
A Xornada do Día das Letras Galegas organízaa a Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Subdirección Xeral de Innovación, Orientación e Formación de Recursos Humanos, á que pertence o CAFI, no marco da programación que a Xunta de Galicia destina a conmemorar o 17 de maio e a difundir a vida e a obra do autor homenaxeado en tal data.
Poden consultarse máis iniciativas e materiais relacionados con esta celebración no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/letras-galegas) e quen queira asistir deberá apuntarse na seguinte ligazón através de fprofe (www.lingua.gal/fprofe).