G2303007 - Roteiro polos espazos vitais e literarios de Miro Villar en Cee
G2303007 - Roteiro polos espazos vitais e literarios de Miro Villar en Cee
Esta experiencia propón dotar de contexto á obra de Miro Villar así como amosar o paso do tempo sobre as comunidades costeiras e destacar algúns dos compoñentes destas que normalmente son pasados por alto.
Pola columna vertebral
O roteiro comeza en Cee, onde naceu Miro Villar no 1965. A partir de aí, o percorrido atravesa parte da vila onde contaremos con diversos persoeiros que alicerzan co seu saber a cultura e a historia ceense para, seguidamente, internarnos en diversos puntos da Costa Brava coma unha estrutura de columna vertebral que lle dá amparo á súa poesía.
as sabas a clareo
Recordar sempre doe, porque aínda que laves con lexivia as sabas nunca branquea a dor que impregna cada engurra do algodón dos abrazos e segues os consellos que escoitaches da nai para a roupa encoirada, darlle xabón lagarto e logo deitar na herba as sabas a clareo.
Agardas unha tarde, non de sol formigueiro, de sol de primavera nunha herba soalleira e deitas os recordos de manchas amarelas, prendidos entre as sabas como piolla vella.
E observas con asombro que a túa nai coñece os segredos da vida e agora no tendal penduras a memoria branca e o seu recendo asolaga os recantos dos teus espazos íntimos.
Datos importantes:
- Data: 23 de setembro de 2023
- Relator: Miro Villar
- Horario: de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 20:00h.
- Código en fprofe: G2303007
- Lugar: Cee