G2203014 - Roteiro polos espazos vitais e literarios de Olga Novo

Roteiro polos espazos vitais e literarios de Olga Novo
O bosque dos cromosomas
Dom, 15/01/2023 - 17:29
Roteiro Olga Novo
Roteiro Olga Novo

Esta experiencia didáctica propón dotar de contexto á obra de Olga Novo así como amosar o paso do tempo sobre as comunidades rurais e destacar algúns dos compoñentes destas que normalmente son pasados por alto.

Pola columna vertebral

O roteiro comeza nun punto de Vilarmao onde está o Simca 1200 en desuso dos veciños da familia da escritora onde naceu no 1975 Olga Novo.

A partir de aí, o percorrido atravesa toda a aldea en liña recta, semellando o que Novo califica como «unha estrutura de columna vertebral». A dinámica pasa a consistir na autora contando historias persoais relacionadas con cada casa. Unha das paradas que conta con maior simbolismo é a casa natal da poeta: «É de onde procede toda a miña familia paterna e, entón, hai algúns elementos a partir dos cales explico a miña obra, tamén para min mesma». Entre estes, atópase o tractor do seu pai do ano 1975, que representa todos os cambios dados na sociedade cara a maquinización e, a un tempo, na súa propia familia.

Ao tratarse dun paseo pola aldea na que a escritora desenvolveu gran parte da súa experiencia vital, un dos fins do itinerario é incidir sobre o factor humano e social presente en núcleos rurais como o de Vilarmao. Algunhas das figuras que Olga Novo quere poñer en valor son as de «tantas e tantas mulleres humildes cuxos labores e vidas resultaron invisibles». A autora subliña especialmente todo o legado que algunhas destas mulleres lle deixaron: «Ao carón delas aprendín diferentes cousas da vida moi importantes, quizais moito máis que aquelas que aprendín na escola».

Historias esquecidas

Do mesmo modo, a vida infantil no rural é outro dos perfís que busca destacar: «Os nenos e as nenas realizaban permanentemente tarefas de apoio nos traballos que resultaban esenciais para as comunidades campesiñas». A escritora incide na importancia de contar aquelas historias moitas veces obviadas: «Considero que teñen pasado á historia grandes poderes que nos atenazan máis que outra cousa. Polo contrario, non o fan aquelas persoas que verdadeiramente conforman e manteñen a vida».

A partir destas historias persoais, a autora busca poñer o foco nos cambios que sufriron as relacións entre os veciños do rural que, anteriormente, eran «de carácter familiar nun sentido amplo e profundo». Unha das causas que impulsaron estas e outras mudas ten que ver coa propiedade nos ambientes comunais e é apuntada por Novo: «A propiedade non era tan privada como agora, non había o sentido da intimidade de hoxe en día».

Datos importantes:

  • Data: 13 de maio de 2023
  • Relator: Olga Novo
  • Horario: de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 20:00h.
  • Código en  fprofe:  G2203014
  • Lugar: Vilarmao

 

O día que eu nacín non había ningún gran sinal

xeaba

e a herba deixábase rumiar no estómago do frío.

         Olga Novo, Cráter, Editorial Toxosoutos, 2011.

Menús CAFI node R

 

Sección

Áreas-CAFI