Título node Learning object

 Mostra Internacional de Cine e Educación -CINEDUCA-
Ven, 25/02/2022 - 09:11
Ateneo Santiago de Compostela

O Ateneo de Santiago presentou este martes a primeira edición da Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), coa que se tenta impulsar un novo espazo de diálogo e debate entre os problemas da educación e a súa consideración desde o cinema, dado a influencia que ten este formato sobre o conxunto da sociedade.

A Mostra desenvolverase do 19 de abril ao 18 de maio de 2022 en Santiago de Compostela e constará de seis proxeccións, dúas mesas redondas e o PREMIO ATENEO CINEDUCA.

A convocatoria do PREMIO ATENEO CINEDUCA vai dirixida a todos os niveis educativos (ensino primario, secundaria, universidade, formación profesional e escolas audiovisuais), procurando así impulsar a creatividade, fomentar a expresión a través dos novos medios e dar a coñecer o traballo levado a cabo neste eido por ensinantes e alumnado. As obras presentadas deberán tratar unha temática relacionada con experiencias educativas, procesos de aprendizaxe, historia e memoria da educación ou metodoloxías de ensino. Cada centro poderá presentar as pezas que desexe, enviando un enlace privado ao enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal, antes do 31 de marzo. Na clausura da Mostra, o día 18 de maio, ás 19.00h no Teatro Principal de Santiago de Compostela, proxectaranse os traballos seleccionados e farase a entrega de premios, consistentes nun primeiro premio dotado de mil euros e un accésit de cincocentos, que o centro deberá destinar a equipamento audiovisual.
 

Máis información

Ateneo de Santiago