G2101093 - Formación para o desenvolvemento da función directiva

O próximo 25 de outubro dará comezo a cuarta edición da actividade de Formación para o desenvolvemento da función directiva.
Terá unha duración de 150 horas que se desenvolverán entre os meses de outubro 2021 a marzo 2022.
Xov, 21/10/2021 - 10:36
Formación dirección 2122

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, pon en marcha unha nova edición da Formación para o desenvolvemento da función directiva, organizada dende a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional e levada a cabo a través do Servizo de Innovación e Formación de Recursos Humanos en colaboración co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). É unha actividade de formación voluntaria que acreditará para o acceso a postos de dirección en centros docentes sostidos con fondos públicos que impartan as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, de educación.

Esta actividade contribuirá positivamente a que o profesorado galego adquira as competencias xerais e específicas necesarias para o desempeño da dirección dun centro educativo. A formación conta cun módulo específico da nosa Comunidade autónoma, onde se traballan aspectos normativos e procedimentais sobre a organización e xestión dos nosos centros, a inclusión, a igualdade, a co-educación e a prevención da violencia de xénero, entre outros. Como novidade, neste novo curso académico e atendendo as necesidades actuais, contaremos cun módulo adicado ás accións de identidade onde traballaranse programas de innovación educativa, o Plan de Benestar emocional e o novo Plan dixital de centro.

DATOS DA ACTIVIDADE

Data de comezo: 25 de outubro de 2021

Data de finalización: 11 de marzo de 2022

Formación: en rede con 8 módulos

Horas de formación: 150 horas

  • 120 horas de traballo en rede: a través de PLATEGA

  • 30 horas presenciais: 4 xornadas no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela en sábado con horario de mañá e 5 xornadas presenciais por videoconferencia en Cisco Webex en horario de tarde