G1901075 - Mocidade desmontando o patriarcado. Metodoloxía para o empoderamento xuvenil na prevención de violencias machistas. Plan Proxecta

Desmontando falsos mitos.
Mér, 11/12/2019 - 07:47
Mocidade desmontando o patriarcado.
Que non te líen con falsos mitos.

Que é o  patriarcado? O  patriarcado é un modelo de organización social que lles dá privilexios aos homes sobre as mulleres. É un sistema que desenvolveron historicamente todas as culturas ao longo e ancho do planeta, que distribúe de maneira desigual o poder económico, político e social en función do sexo, e que ademais se presenta coma se fose a única forma de organización social posible. É un modelo  androcéntrico, é dicir, que sitúa ao home como centro e medida de todas as cousas, e presenta á muller como a alteridade, como o outro, o diferente, o que non é estándar. Por iso aceptamos que o termo home sirva para designar a toda a humanidade ou que o masculino se considere «linguaxe neutra».

O sistema patriarcal está na base das desigualdades entre mulleres e homes, e é o conxunto de valores e crenzas no que nos educaron. Ás veces custa velo, porque é algo que temos moi arraigado, témolo  interiorizado e normalizado.

As sociedades patriarcais asignan diferentes tarefas ás persoas en función da súa pertenza a un ou outro sexo: ás mulleres confíreselles un rol reprodutivo, ligado ao coidado da familia, ao sostemento do fogar e ao espazo privado, e aos homes un rol produtivo, o do traballo remunerado, o espazo público e a toma de decisións. É a división sexual do traballo, que fai unha repartición de roles en función do xénero pouco ou nada equitativo e provoca a dependencia das mulleres respecto dos homes.

A forma como esperamos que se comporte unha muller e como esperamos que se comporte un home son construcións sociais, como crer que as mulleres son máis cariñosas, que todas desexan ser nais ou que os homes teñen un impulso sexual irrefreable. Moitas das cousas que facemos e das decisións que tomamos, que cremos que facemos e decidimos libremente, están influídas pola ideoloxía patriarcal.

Que non te líen con falsos mitos!!

Se queres demontar o patriarcado, agardámoste!

G1901075 Mocidade desmontando o patriarcado. Metodoloxía para o empoderamento xuvenil na prevención de violencias machistas. Plan Proxecta

Datas:

  • 28 - 01 - 2019: 17:30 - 21:00h
  • 04 - 02 - 2019: 17:30 - 21:00h
  • 11 - 02 - 2019: 17:30 - 21:00h
  • 18 - 02 - 2019: 17:30 - 21:00h
  • 10 - 03 - 2019: sesión non presencial

Lugar: CAFI (Santiago de Compostela) - Aula 11

 

Menús CAFI node R

 

Sección

Áreas-CAFI