Lanzamento dunha radiosonda por profesores asistentes a un curso de formación no CAFI
Radio Sondaxe
O profesorado participante no curso de formación S1301078 Propostas de aula para indagar sobre a meteoroloxía, tivo ocasión de lanzar unha radiosonda con motivo da visita ás instalacións de Meteogalicia en Santiago de Compostela.
Outra das visitas programadas foi á estación meteorolóxica que Meteogalicia posúe no Campus Sur.
Dentro dos sistemas de observación meteorolóxica de MeteoGalicia, a radiosondaxe constitúe unha referencia moi importante para o coñecemento da estrutura vertical da atmosfera sobre Galicia.
MeteoGalicia lanza semanalmente un radiosondaxe dende a súa sede en Santiago de Compostela e tamén en circunstancias de especial interese meteorolóxico. Neste caso tivo a xentileza de cambiar a data e hora para que fosen os propios profesores quen puidesen facer o lanzamento da radiosonda.
Unha radiosondaxe meteorolóxica consiste no lanzamento dunha sonda que, impulsada por un globo, ascende ata acadar uns 25 km de altitude, prolongándose este ascenso entre hora e hora e media. Para o ascenso da radiosonda, emprégase un globo de látex cheo de helio de aproximadamente 1,2 m de diámetro,unha vez inflado e antes do lanzamento. A velocidade de ascenso varía entre 4 e 7 m/s. O globo ao ascender e achegarse a presións máis baixas termina por estoupar, regresando de novo a terra. A velocidade de caída vese minorada mediante un paracaídas.
A sonda mide e transmite datos de temperatura, humidade relativa, presión e posición (GPS) ao longo do seu percorrido, de xeito que se obteñen tamén os datos de velocidade e dirección do vento dende a superficie ata a estratosfera. A través dunha antena de radiofrecuencia e un receptor GPS recíbense os datos da sonda nos equipos electrónicos do radiosondaxe, para logo ser almacenados e postos a disposición dos usuarios interesados.
Máis información en Meteogalicia:
http://www.meteogalicia.es/observacion/radiosondaxe/radioIndex.action
Acceso aos contidos do curso: http://www.edu.xunta.gal/centros/cafi/aulavirtual/course/view.php?id=397