Información xeral das probas de acceso a grao medio
Introdución
As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio van dirixidas ás persoas que non cumpran os requisitos académicos de acceso a ciclos formativos de grao medio.
Para poder concorrer á proba é necesario ter cumpridos dezasete anos ou cumprilos no ano natural de celebración da proba.
A proba divídese en tres partes:
- Parte sociolingüística: Lingua castelá, Lingua galega, Ciencias sociais.
- Parte matemática: matemáticas.
- Parte científico-técnica: Ciencias da natureza, Tecnoloxía.
A proba dará lugar a obtención dunha certificación na que constará a nota final lograda e a cualificación obtida en cada unha das partes que a compoñen.
A certificación da superación da proba dará acceso a calquera ciclo formativo de grao medio, nas condicións de admisión que se establezan.
Para quen realizase a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a superase na súa totalidade, a certificación permitirá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco nas convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos de Galicia durante os dous anos seguintes.
Existirá unha porcentaxe de reserva de prazas por cada centro e ciclo para as persoas que accedan pola cota de proba de acceso. A adxudicación de praza estará condicionada pola cualificación obtida na proba.
- Acceso á nota informativa (actualizada o 09/01/2024)
Contidos de referencia e criterios de avaliación
Na seguinte ligazón pódense consultar os contidos de referencia e criterios de avaliación das probas de acceso a ciclos formativos de grao medio para a convocatoria actual.
- Ver contidos e criterios de avaliación das probas (actualizado 15/11/2016)
Materiais de probas de acceso
Na seguinte ligazón pódense consultar exames e materiais didácticos das convocatorias anteriores da proba de acceso a ciclos formativos de grao medio.
- Materiais didácticos
- Exames de convocatorias anteriores
Lugar de presentación de solicitude
As solicitudes poderanse presentar en calquera centro público dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades con oferta de Formación Profesional.
Normativa de referencia
Lembre que a normativa sempre prevalece sobre calquera outra información. Esta páxina contén información de carácter xeral extraída da normativa, polo que calquera dúbida ou contradición se resolverá atendendo á normativa vixente (Acceso á normativa de probas)