A toda a comunidade educativa:
Como cada ano por estas datas, chega o momento de facer unha valoración do curso escolar, un curso 2020-2021 que foi excepcional e complexo, marcado pola crise sanitaria da COVID-19 e os protocolos de seguridade que condicionaron o normal desenvolvemento da actividade escolar.
A pesar das numerosas dificultades, grazas ao esforzo e á cooperación de todos e de todas foi posible avanzar e rematar o curso de forma presencial e facelo de modo satisfactorio tanto a nivel sanitario como académico. Por iso, dende o centro queremos agradecerlles ás familias a súa colaboración, serenidade e implicación para lograr estes obxectivos que nos marcabamos a comezos de curso, entre incertezas e moitas interrogantes, pero co firme convencemento e a responsabilidade de sacalo adiante. Igualmente, é de eloxiar a boa actitude e o comportamento do alumnado, que se comprometeu coa tarefa.
O cumprimento destas estritas medidas de seguridade supuxo facer renuncias como limitar a mobilidade do alumnado nos recreos e nas propias aulas, suprimir excursións e saídas e reducir ao mínimo as actividades complementarias e extraescolares, que se puideron retomar con precaución e pouco a pouco. Neste sentido, queremos destacar a total predisposición e a boa vontade de colaboración do Concello para aliviar esta situación. Así, o instituto puido contar co Campo de Fútbol do Salgueirón para acoller as actividades de Educación Física, e coas propostas ofertadas por diferentes áreas municipais como Educación, Xuventude, Medio Ambiente, Cultura e Igualdade, que permitiron retomar os programas formativos e saídas coma os roteiros ao aire libre, tan necesarias para aliviar o esgotamento dos rapaces e das rapazas. Estendemos este agradecemento aos responsables da cafetería do instituto, ao persoal de transporte escolar, á Protección Civil e á Policía Local pola cooperación e axuda ofrecidas en todo momento.
Así mesmo, agradecémoslle ao Pleno do Concello que asumise por unanimidade a petición do Consello Escolar para dotar o centro de zonas cubertas e novas melloras, necesidades que se fixeron máis urxentes ca nunca durante a pandemia e ante a alta demanda de matrícula prevista para o vindeiro curso. Ademais, dende o instituto valoramos e agradecemos todas as xestións realizadas polos grupos políticos en diferentes ámbitos para refozar esta petición.
Coa incertidume coa que se presenta o curso 2021-2022, pero tamén cun certo optimismo ante o escenario sanitario que se poida dar en setembro, confiamos na mellora das condicións para desenvolver o traballo e contamos con todos e todas vós para garantir unha educación pública de calidade, equitativa, inclusiva e segura para o alumnado do IES de Soutomaior. O profesorado, o equipo directivo e o persoal de administración e servizos comprometémonos neste empeño colectivo.
A Dirección
Arcade, 30 de xuño de 2021.