SIERRA I FABRA, Jordi, Desnuda, S.M., 2014, 152 pp.
Sierra i Fabra decidiu escribir Desnuda tras ler no xornal o asasinato dunha moza de catorce anos a mans da súa parella de dezaoito. Nesta novela máis que a forma o fundamental é o contido: amor e medo nunca forman unha boa parella. Esta é a historia de Marga e Ramiro, unha historia de maltrato na adolescencia. Ramiro quere controlar todo o referido a súa moza: onde está en todo tempo, con quen fala; e xustifica esta actitude como unha proba de amor. Marga acaba descubrindo o que está a sufrir.
Unha lectura dura moi acaída para este día no que lembramos a todas as vítimas cuxa vida real agocha todo tipo de ultraxes que, con demasiada frecuencia, rematan na propia eliminación física.
Un poema:
O home conquistou nacións enteiras:
Ítacas
que as mulleres urdimos
ao articular
os nosos corpos,
agora monicreques.
O home virou,
á forza,
o sentido da arañeira.
A nós, xinetes da patria tear,
axeonlláronnos,
anoáronnos mans e pés
e preñáronnos
cos ovos
da traizón troiana.
Xamais os criaremos.
O home conquistou nacións enteiras;
pero os seus exércitos non puideron conquistar un gran de amor.
Un gran-de amor.
FERNÁNDEZ RIAL, Rosalía, Árbores no deserto, Galaxia (Dombate), Vigo, 2020, páx. 59