Skip to Content

Conmemoracións

A xeografía do machismo asasino

A máis da actual pandemia global do COVID-19, hai outra pandemia -non menos destrutora e tamén global- que se ceba nos millóns de mulleres que en todo o mundo son atacadas polo virus do machismo: mulleres feridas, ultraxadas, violadas e mortas.

Tamén na pel de touro peninsular e nos seus arquipélagos. No decurso deste 2020 contabilizamos en España máis do corenta mortes froito desta vesania machista que non respecta fronteiras.

Preme nos enclaves sinalados no mapa e poderás facer un lutuoso percorrido polas xeografías das últimas vítimas mortais desta pandemia.

Para cando a vacina que inmunice do machismo asasino?

Relatos gañadores...SAMÁIN 20!

Pois aquí temos os RELATOS GAÑADORES!!!!!

PARABÉNS A TODAS AS PERSOAS PARTICIPANTES.

A entrega de premios terá lugar o Venres no 1ºRecreo na Biblioteca!

VINDE TODXS QUE TAMÉN TEMOS UN AGASALLO PARA CADA PARTICIPANTE.

 

Novembro: mes da ciencia en galego na biblioteca

Pois a mil andamos na Biblioteca preparándoa para todas as actividades que temos para vós neste fantástico mes de experimentos e actividades arredor da CIENCIA EN GALEGO!

E é fantástico ver na Biblioteca a alumnado e de profes de Mates, de Física e Química, de Bioloxía e Xeoloxía, de Tecnoloxía... porque esta biblio é para vivila e experimentala.

Apuntade:

1.- EXPERIMENTOS TODOS OS 2º RECREOS (segue o cartel co departamento que vai facer a actividade ese día)

2.- LECTURAS (online e de balde) PARA A HORA DE LER

3.- CONCURSO: CIENCIA NA CASA. Grava un vídeo facendo un experimento caseiro ou unha experiencia relacionada coa ciencia.

4.- LIBROS DE DIVULGACIÓN E DE FICCIÓN NA BIBLIO. Non podería ser doutro xeito e temos moitas novidades moi interesantes que vos van encantar.

 

Festexa a túa libraría!

O venres 13 de novembro celebramos unha nova edición do Día das Librarías.

Libraría comeza có L de Liberdade porque como di  o poeta Joan Margarit: A liberdade é unha libraría.

As librarías son un espazo de liberdade, unha xanela de acceso ao coñecemento.

As librarías son lugares onde a literatura faise material e visible, son espazos dedicados á beleza.

As librarías seducen, mostran e achegan o libro a todos.

As librarías son espazos cada vez máis polivalentes, en constante evolución: tenda, cafetería, centro cultural…

As librarías son sitios propicios para a pluralidade, onde teñen cabida todas as ideoloxías e sensibilidades, son unha escola de valores. 

Poderiamos medir a saúde das nosas cidades vendo como coidamos as súas librarías.

E para que teñamos librarías, non pode faltar a figura do libreiro: eles son os insubstituíbles embaixadores dos libros. Deles dixo María Victoria Moreno:

...Vós non vendedes becerros,
mel, nin queixos, nin ovellas
porque sodes traficantes
dunha droga que sustenta
os espíritos inquietos
e que ennobrece as ideas.
Vós non roubades ás vacas
os becerriños de teta,
vós non cheirades a bosta
nin depredades colmeas...
Vós sodes intermediarios
de mercancías sen fronteiras
que achegan o Norte ó Sur,
eruditos a poetas,
místicos a aventureiros,
xente nova a xente vella...
Á fin sodes un anel
desa incesante cadea
que desde que o mundo é mundo
mantén unha luz acesa
para que o libro da vida
sexa alfaia en letra impresa.
Alfaia de poucos euros
mais dunha valía inmensa
porque é guía nos vieiros
interiores das conciencias.
 
María Victoria Moreno, do "Pregón lido na Feira do Libro de Pontevedra de 2003" in Elexías de luz, Xerais, Vigo, 2017 (2ª edic.), pp. 87-88
 
Feliz día das Librarías!

 

Experimentos na biblioteca

Quen dixo que a biblioteca non era de ciencias?

Experimenta na biblioteca e xa verás!

Citas de biblioteca

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O Equipo da BIBLIOSANPAIO quere conmemorar este Día das Bibliotecas Escolares e agradecer a toda a Comunidade Educativa polo seu apoio e participación nas nosas propostas, especialmente ao equipo de alumnado voluntario que cada día aporta o seu traballo, sorrisos e marabillosa compañía que tanta falta nos fai e ao resto dos rapaces e rapazas que conquistan este espazo tan máxico e que tanto disfrutamos xuntxs.

PARABÉNS!!!! 

Cen anos con Delibes

O 12 de marzo de 2010 o noso club de lectura "Pedra do Acordo" redactaba a seguinte necrolóxica en lembranza de Miguel Delibes.

 
necrolóxica
 
Pasados algo máis de dez anos e medio, hoxe 17 de outubro, festexamos o centenario do nacemento deste novelista valisoletano e aproveitamos a efeméride para enlazar un traballo que nos achega a distintos aspectos da súa vida e obra:
 

Tamén se premes aquí poderás ler algúns dos seus contos.

Xeografías de Escritoras

O luns, 19 de outubro deste desacougante 2020, celebramos unha nova edición do Día das Escritoras. Con tal motivo aproveitamos para percorrer, mapa en man, vinte e unha xeografías de escritoras.

Porque a escritura en feminino atravesa todas as fronteiras, cingue todos os mares, abrangue todos os continentes e pertence a todas as épocas, precisamos facela visible; necesitamos poñer letra, voz e cara a tantas plumas femininas que viven no esquecemento ou sofren ostracismo.

Preme nos puntos sinalados nos mapas e poderás coñecer biografías, textos, artigos, entrevistas, vídeos... de e sobre distintas autoras, acabarás recoñecendo que escritura é un substantivo de xénero feminino e de número plural.

 

DÍA DAS LETRAS GALEGAS: Traballo do alumnado de 1ºESO

Queredes coñecer algunhas lendas galegas?

Aquí tendes algunhas contadas (ou inventadas) polo noso alumnado de 1º da ESO. Que xentiña tan marabillosa!

Esperemos que gocedes con estas achegas desde o confinamento.

Parabéns neste día tan especial para nós!!!

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2020

Distribuir contido


by Dr. Radut