Skip to Content

PRESENTACIÓN LUDIFICADA DA BIBLIOTECA AO ALUMNADO NOVO

Tiñamos preparados, para o alumnado de 1º de ESO, uns xogos para que coñeceran a biblioteca, o seu espazo, o seu funcionamento, as actividades que desenvolven, etc.
Pero un ataque zombie o cambiou todo... 
 AGORA ISTO XA NON É UN XOGO:
 É SUPERVIVENCIA.
Cómpre ter coidado de que non se confundan e que traballen en equipo para conseguir as claves e así poder abrir a caixa que contén a salvación de todos elxs e de todos nós!

 

O MUNDO ESTÁ NAS SÚAS MANS!!!!!!

(Dentro de pouco teredes máis noticias)

MÁIS INFORMACIÓN, NA IMAXE.

II CARREIRA DE ORIENTACIÓN : EUROCIDADE TUI-VALENÇA


 

Escritoras que falan do Amor

Tal como estaba previsto, entre as 16.30 e as 18 horas celebramos o día das Escritoras contando coa presenza das autoras de Ám@me.
Chis Oliveira, antiga alumna do noso IES, e Amada Traba fixeron unha primeira intervención para presentar a súa obra e incidir nalgúns dos aspectos tratados nela, logo chegou a rolda das  preguntas.
Dun xeito moi divulgativo reflexionamos sobre como aprender o concepto do amor e desaprender as ideas que sobre o mesmo herdamos como resultado dunha educación chea de prexuízos patriarcais e machistas e de mitos románticos, sobre o impacto da pornografía na educación sexual das novas xeracións ou como podemos modificar condutas para rexeitar o “mal amor” e vivir no “ben amar”, un amar que respecta a igualdade, a felicidade e dignidade de todo ser humano, buscando un enriquecemento recíproco; tampouco faltaron referencias aos “Comandos Igualdade” formados por mozos de distintas idades, identidades, orientacións sexuais e traxectorias vitais que seguindo a metodoloxía da aprendizaxe compartida inter pares falan de estereotipos, machismo, sexualidade ou diversidade.
Ao rematar aproveitamos para inaugurar o noso particular espazo “Arco da Vella”: un recanto acondicionado para a lectura, a consulta, o diálogo que poida ser o xermolo dun “Comando Igualdade” porque podemos ser todos máis o menos diferentes pero estamos moi unidos e comprometidos na consecución dunha sociedade máis equitativa e xusta tanto na órbita do público como do privado.

VIAXAMOS A CHIPRE DA MAN DE JUAN PABLO, CO PROGRAMA ERASMUS+

En Limassol, costa sur de Chipre, na outra punta do Mediterráneo, teremos ao longo desta semana ao noso profesor de Lingua e Literatura Castelá, Juan Pablo Valverde.

Juan Pablo forma parte do grupo de profesores que co proxecto chamado "Tendendo pontes", representan ao noso IES no programa Erasmus+, co que a UE trata de fomentar a oportunidade de formarse e adquirir experiencia no estranxeiro. Nesta ocasión, o título do curso é "International Education: the answer to diversity in the classroom". Podedes ver máis información sobre o proxecto e a viaxe no blog "Tendendo pontes", facendo clic AQUÍ

Mentres, como non todo vai ser estudar, tamén hai tempo para descubrir o patrimonio e a cultura chipriota: os teatros romanos, os bazares nas rúas, o porto ao Mediterráneo ou as diferentes igrexas ortodoxas... Unha gozada de viaxe. Agardamos que te coiden tan ben como mereces, e que a experiencia sexa unha delicia. Ánimo e ata pronto Juan Pablo!

 

 Tedes máis imaxes no noso Instagram, clicando AQUÍ.

SAÍDA DIDÁCTICA AO XEOPARQUE ORTEGAL

Os que nos seguides en Instagram, xa veríades que fomos publicando en tempo real moitas fotografías dos nosos biólogos e xeólogos de 1º Bacharelato, en plena saída de campo en terras de Ortegal. Estas son só unha pequena mostra de todas as que poderedes atopar (ademais da nosa primeira Storie) no noso perfil desa rede social:

.

 

.

Existe unha diferenza abismal entre aprender os procesos xeolóxicos en vivo, sobre o terreo e cun itinerario guiado por especialistas nun dos lugares máis simbólicos do mundo (desde un punto de vista xeolóxico), a poder só aprendelos a partir dun libro, unha fotocopia ou un contido dixital vertido a unha pantalla. Por iso foi un privilexio poder vivir estes dous días de inmersión científica nun entorno único, o de Ortegal.

Durante eses días, o grupo moveuse sempre á beira dese límite entre o Atlántico e o Cantábrico; entre cabos, furnas, cantís e areais; entre dropstones, micropregues, fallas en lousa, areas magnéticas (a súa demostración foi o noso primeiro Storie en Instagram), buzamentos, serpentinitas e exemplos de meteorización alveolar; pero sobre todo, foron dous días aprendendo con e entre amigos.

A viaxe rematou, precisamente, coa foto que inicia esta publicación que estás lendo: foto de grupo cunha morea de lixo recollida espontaneamente por eles mesmos durante a parte final do seu traxecto en Ortegal. Aprendendo e concienciando. Desde aquí, GRAZAS ao xeólogo Fran Canosa, ao concello de Cedeira e, por suposto, aos profes, por deseñar e acompañar e ao alumnado por ser cómplice activo desta experiencia única.

ESTAMOS EN INSTAGRAM! SEGUÍMONOS?

Por fin! Estamos en Instagram, que seguramente é onde ti, que agora nos les, tamén estás. Facendo clic aquí, podes ir directamente!

Di o dito que unha imaxe vale máis que mil palabras, e se hai unha rede social que explote hoxe esa realidade, esa é Instagram. A NASA, o Museo do Prado ou a ONG Open Arms son exemplos de institucións que xa entenderon o potencial que esta rede pode ter, chegando alí onde, ás veces, non chega unha páxina web. Pero ese potencial medra máis aínda se o que queremos é conectar coa adolescencia, que ao fin e ao cabo é o noso público, aquel por e para o que traballamos (aínda que aquí o chamemos alumnado). E se a eles lles interesa, a nós, como o seu centro educativo e a referencia que queremos ser, tamén.

En Instagram, como veredes, publicaremos (ás veces en tempo real) as actividades, saídas, reunións, celebracións ou todo aquilo que acontece no noso IES e que nos parece que paga a pena compartir. Esperamos que vos agrade a idea e que vos resulte útil.

Velaquí unha captura de pantalla, pero advertimos: mola máis cando o ves desde o teu Instagram. Seguímonos!

FALADOIRO: 2ª Carreira Internacional de Orientación Eurocidade Tui-Valença

 

Esta mañá, Ricardo Figueroa, do Club AROMON e da man do Concello de Tui e Câmara Municipal de Valença, ofreceu faladoiros a todo o noso alumnado de 1º a 3º da ESO co gallo da 2ª Proba de Orientación a Pé na Eurocidade Tui-Valença.

 

Casi todxs xa coñecen este deporte polo que de seguro que tanto o profesorado, o alumnado como as familias participantes pasarán un día divertido con dous mapas na man buscando balizas pola fortaleza de Valença (10.30h) e polas rúas vellas de Tui (16.30h).

 

Toda a info a tendes no seguinte:

https://aromon.es/inscripciones/eurocidade2019

 e no boletín informativo adxunto (ou premendo aquí)

 

 

 

Entrega de libros da ANPA do IES

A ANPA* do IES San Paio notifica ás familias as entregas do seu banco de libros.

 

PÓDESE VER MELLOR E DESCARGAR ESTE DOCUMENTO FACENDO CLIC NO FICHEIRO ADXUNTO 

*Aproveitamos para comunicar que o nº de teléfono de contacto coa ANPA é o 626 48 84 50

Esta semana, repartimos Fondo Libros e reunímonos coas familias.

Durante esta semana, todo o alumnado beneficiario de Fondo Libros recibirá os exemplares que lle foron adxudicados. Esta distribución estase a facer de xeito secuenciado e progresivo, en sesións diferentes, aproveitando sempre aquelas horas nas que un grupo está co seu titor ou titora. O vindeiro venres 27 de setembro o reparto estará finalizado para os grupos implicados, que son 2º, 3º e 4º ESO. Lembramos ás familias a necesidade de asinar o impreso entregado cos libros, para que o estudantado poida devolvelo ao titor na maior brevidade posible. Posteriormente recibirán unha copia para que poidan ter constancia dos libros entregados e a devolver cando o curso finalice.

Resultado de imagen de fondo libros xunta

Por outra parte, lembramos que durante o mércores 25 e xoves 26, ás 19.00 horas, terán lugar no IES as reunións dos titores/as coas nais e pais do seu alumnado. A distribución desas reunións é a seguinte:

  • Mércores 25, ás 19.00 horas: todos os grupos de 1º, 2º e 3º ESO.
  • Xoves 26, ás 19.00 horas: todos os grupos de 4º ESO (EXCEPTO 4º ESO D), así como os de 1º e 2º BAC (EXCEPTO 2º BAC A). As familias de 4º ESO D e 2º BAC A serán convocadas polos seus titores nos vindeiros días.

No recibidor do IES indicarase ás familias en que aula terá lugar a reunión de cada grupo. Agardámosvos!

Distribuir contido


by Dr. Radut