Skip to Content

SAÍDA DIDÁCTICA AO XEOPARQUE ORTEGAL

Os que nos seguides en Instagram, xa veríades que fomos publicando en tempo real moitas fotografías dos nosos biólogos e xeólogos de 1º Bacharelato, en plena saída de campo en terras de Ortegal. Estas son só unha pequena mostra de todas as que poderedes atopar (ademais da nosa primeira Storie) no noso perfil desa rede social:

.

 

.

Existe unha diferenza abismal entre aprender os procesos xeolóxicos en vivo, sobre o terreo e cun itinerario guiado por especialistas nun dos lugares máis simbólicos do mundo (desde un punto de vista xeolóxico), a poder só aprendelos a partir dun libro, unha fotocopia ou un contido dixital vertido a unha pantalla. Por iso foi un privilexio poder vivir estes dous días de inmersión científica nun entorno único, o de Ortegal.

Durante eses días, o grupo moveuse sempre á beira dese límite entre o Atlántico e o Cantábrico; entre cabos, furnas, cantís e areais; entre dropstones, micropregues, fallas en lousa, areas magnéticas (a súa demostración foi o noso primeiro Storie en Instagram), buzamentos, serpentinitas e exemplos de meteorización alveolar; pero sobre todo, foron dous días aprendendo con e entre amigos.

A viaxe rematou, precisamente, coa foto que inicia esta publicación que estás lendo: foto de grupo cunha morea de lixo recollida espontaneamente por eles mesmos durante a parte final do seu traxecto en Ortegal. Aprendendo e concienciando. Desde aquí, GRAZAS ao xeólogo Fran Canosa, ao concello de Cedeira e, por suposto, aos profes, por deseñar e acompañar e ao alumnado por ser cómplice activo desta experiencia única.



page | by Dr. Radut