Do COVID-19 á Peste de Atenas
DO COVID-19 Á PESTE DO 430 A. C. EN ATENAS
Na primavera do 430 a. C. comezou en Atenas unha terrible peste que, sendo diferente, provocou unha situación relativamente similar á que estamos a vivir, vinte e cinco séculos despois, no mundo actual por mor do chamado coronavirus; nihil novum sub sole.
O historiador Tucídides narra nuns poucos capítulos do libro II da súa Historia da Guerra do Peloponeso un episodio do que foi testemuña e padeceu en primeira persoa: a epidemia que, entre os anos 430-426 a. C., segou en Atenas a vida a un terzo das persoas que se acubillaban tras os seus muros, protexéndose da guerra. Segundo conta Tucídides de 29.000 hoplitas (soldados de infantería pesada) morreron 4.400 e de 12.000 soldados de cabalería morreron 3.000. O mesmo Pericles (495 a. C.-429 a. C.) foi unha das vítimas mortais desta peste. Case podemos dicir que Atenas foi derrotada, máis que polo poder militar dos espartanos e os seus aliados, pola forza destrutora dunha bacteria.
Tucídides intúe no seu texto os conceptos de contaxio e inmunidade narrando de maneira obxectiva os signos e síntomas que observou.
Os síntomas son: calor de cabeza, arroibamento de ollos, respiración irregular, alento fétido, inflamación, farinxe e lingua inxectadas, esbirros e rouquén. Posteriormente o mal baixa ao peito, manifestase mediante tose violenta, logo fíxase no estómago, revolvéndoo provocando vómitos con secrecións de bile, arcadas sen vómito e espasmos. Finalmente o mal ataca a todo o corpo pero non causa a súa prostración, ao contrario, manteno activo, mesmo de noite pois provoca insomnio. O organismo, por fóra, está moi quente e avermellado, con pequenas bochas e úlceras. Por dentro arde e nota moita sede, por iso os doentes espíanse e tirábanse aos pozos.
Os enfermos, conscientes do seu destino, caían no desánimo e a desesperanza para, en sete ou nove días morrer. Os tratamentos habituais resultaban ineficaces fronte ao mal. Incluso moitos médicos morrían ao atender aos doentes.
O contaxio, favorecido polo amoreamento da poboación, consecuencia do traslado á cidade das xentes do campo debido á guerra, facilitaba a expansión da enfermidade.
Incapaces e imposibilitados de facer fronte ao mal, os atenienses vivían nunha certa relaxación moral, buscaban o pracer inmediato ante a incerteza do futuro e o efémero da existencia.
A pesar de todo, houbo superviventes á enfermidade, como o propio historiador Tucídides, e estes volvíanse inmunes pois o mal non atacaba por segunda vez á mesma persoa.
Michael Sweerts (1618-64), Praga nunha cidade antiga
Para xustificar a orixe da peste acudíase a todo tipo de argumentos: relixiosos (vinganza divina froito da impiedade humana, predicións dos oráculos...), naturais (para Tucídides trátase dun fenómeno natural imprevisto) ou morais lato sensu: no argumento anónimo ao discurso Busiris do orador Isócrates, datado entre o 391 e o 385 a. C., dise:
Porque tamén eles [os Atenienses] máis tarde, cambiando de opinión, pensaron que actuaron de xeito impío ao votar contra Sócrates e logo foron castigados coa peste que caeu sobre eles por mor da morte de Sócrates.
argumento este último que peca dunha total anacronía tendo en conta que a peste de Atenas dátase nos anos 430-426 a. C., mentres que o proceso, condena á morte e execución de Sócrates foi no 399 a. C.
FONTES:
http://www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Thuc.+2&fromdoc=Perseus%3Atext%3A1999.01.0199 (sobre todo capítulos 47 a 54)
http://www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Perseus%3atext%3a1999.01.0143%3aspeech%3d11
https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Thucydides_pushkin01.jpg