Día Mundial do Teatro 2019
O director cubano Carlos Celdrán é o autor da mensaxe deste Día Internacional do Teatro:
Antes do meu espertar no teatro, os meus mestres xa estaban alí. Construíran as súas casas e as súas poéticas sobre os restos das súas propias vidas. Moitos deles non son coñecidos ou apenas se lles lembra: traballaron desde o silencio, desde a humildade dos seus salóns de ensaio e das súas salas cheas de espectadores e, lentamente, tras anos de traballo e logros extraordinarios, foron deixando o seu sitio e desapareceron. Cando entendín que o meu oficio e o meu destino persoal sería seguir os seus pasos, entendín tamén que herdaba deles esa tradición esgazadora e única de vivir o presente sen outra expectativa que alcanzar a transparencia dun momento irrepetíbel. Un momento de encontro co outro na escuridade dun teatro, sen máis protección que a verdade dun xesto, dunha palabra reveladora.
O meu país teatral son eses momentos de encontro cos espectadores que chegan noite a noite á nosa sala, desde os recunchos máis disímiles da miña cidade, para acompañarnos e compartir unhas horas, uns minutos. Con eses momentos únicos constrúo a miña vida, deixo de ser eu, de sufrir por min mesmo e renazo e entendo o significado do oficio de facer teatro: vivir instantes de pura verdade efémera, onde sabemos que o que dicimos e facemos, alí, baixo a luz da escena, é certo e reflicte o máis profundo e o máis persoal de nós. O meu país teatral, o meu e o dos meus actores, é un país tecido por eses momentos onde deixamos atrás as máscaras, a retórica, o medo para ser quen son, e dámonos as mans na escuridade.
A tradición do teatro é horizontal. Non hai quen poida afirmar que o teatro está nalgún centro do mundo, nalgunha cidade ou edificio privilexiado. O teatro, como eu o recibín, esténdese por unha xeografía invisible que mestura as vidas de quen o fai e a artesanía teatral nun mesmo xesto unificador. Todos os mestres de teatro morren cos seus momentos de lucidez e de beleza irrepetíbeis, todos desaparecen do mesmo xeito sen deixar outra transcendencia que os ampare e faga ilustres. Os mestres de teatro sábeno, non vale ningún recoñecemento ante esta certeza que é a raíz do noso traballo: crear momentos de verdade, de ambigüidade, de forza, de liberdade na maior das precariedades. Non sobrevivirán deles senón datos ou rexistros dos seus traballos en vídeos e fotos que recollerán só unha pálida idea do que fixeron. Pero sempre faltará neses rexistros a resposta silenciosa do público que entende nun instante que o que alí pasa non pode ser traducido nin atopado fóra, que a verdade que alí comparte é unha experiencia de vida, por segundos máis diáfana que a vida mesma.
Cando entendín que o teatro era un país en si mesmo, un gran territorio que abarca o mundo enteiro, naceu en min unha decisión que tamén é unha liberdade: non tes que afastarte nin moverte de onde te atopas, non tes que correr nin desprazarte. Alí onde existes está o público. Alí están os compañeiros que necesitas ao teu lado. Alá, fóra da túa casa, tes toda a realidade diaria, opaca e impenetrable. Traballas entón desde esa inmobilidade aparente para construír a maior das viaxes, para repetir a Odisea, a viaxe dos argonautas: es un viaxeiro inmóbil que non para de acelerar a densidade e a rixidez do teu mundo real. A túa viaxe é cara ao instante, cara ao momento, cara ao encontro irrepetíbel fronte aos teus semellantes. A túa viaxe é cara a eles, cara ao seu corazón, cara á súa subxectividade. Viaxas por dentro deles, das súas emocións, dos seus recordos que espertas e mobilizas. A túa viaxe é vertixinosa e ninguén pode medila nin calala. Tampouco ninguén a poderá recoñecer na súa xusta medida, é unha viaxe a través do imaxinario da túa xente, unha semente que se sementa na máis remota das terras: a conciencia cívica, ética e humana dos teus espectadores. Por iso, non me movo, continúo na miña casa, entre os meus achegados, en aparente quietude, traballando día e noite, porque teño o segredo da velocidade.