Premios para alumnas do Río Cabe

No IES Río Cabe celebramos o Día das Letras Galegas recibindo premios
 
Claudia Pérez Barrientos, alumna de 2º ESO, foi agraciada co primeiro premio do "Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2019", celebrado pola Biblioteca Municipal de Monforte de Lemos na categoría C (de 12 a 16 anos de idade) na modalidade de debuxo. O tema do concurso era "a revolución do Cambio Climático", un contido difícil de ilustrar e que supoñía todo un reto de representación. O traballo gañador competirá na seguinte fase, dependente da Biblioteca Provincial de Lugo, con outras obras seleccionadas polas Bibliotecas Municipais de toda a provincia.
 
Sandra Rodríguez Marcía, alumna de 1º de Bacharelato, recibiu o premio do "XVII Certame Relato Curto en galego de Mugardos" na categoría na que participaban mozos/as de 13 a 17 anos. O xurado expresou a súa sorpresa ante o texto galardoado no que se fai uso do tópico literario do Ubi sunt?, utilizado na literatura clásica e, posteriormente, nas literaturas romances. A voz narradora expresa o baleiro que deixou o falecemento da súa nai e como ese feito foi determinante na súa vida. O premio está dotado cun bono de 200€ para mercar libros en galego.