Skip to Content

2021-2022

Semana de celebración polo día da Candeloria

A partir da candeloria, ningunha ave voa soa, di o refrán para lembrar que o mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración ben especial, xa que casan os paxariños, ao que comeza o retorno das aves migratorias e os cortexos preludian o renacer primaveral.

Desde a Biblioteca propoñemos varias actividades para celebrar, entre o 2 e o 9 de febreiro, unha semana de afectos co motivo da Candeloria e do San Valentín:

- Escritura de cartas de afecto.

- Realización de debuxos ou ilustracións.

- Realización de figuras de plastilina.

- Outras manualidades: colares, origami,...

Animádevos a participar nalgunha delas! O material creado servirá de agasallo para a persoa á que queirades demostrar afecto. Para iso, depositádeo en sobre nalgún dos buzóns localizados na entrada do instituto e dende a biblioteca encargarémonos de que o destinatario o reciba o 14 de febreiro. Non esquezades poñer no sobre o seu nome!

Día da Ilustración 2022

Cada 30 de xaneiro, coincidindo coa data de nacemento de Castelao, celébrase o Día da Ilustración.

Sumándose á conmemoración, o alumnado de 2º ESO realizou uns debuxos para o logo do proxecto sobre hábitos de vida saudables, benestar emocional e consumo responsable. Ao longo desta semana poderase votar a través da aula virtual para decidir que ilustración representará finalmente o proxecto.

Podedes ver as propostas na propia aula virtual, na entrada da biblioteca ou no seu blog, Vilán. Éxito aos participantes!

Clubs de encontro na biblioteca

Desde a biblioteca estanse organizando clubs de encontro, nos que o alumnado será o protagonista e o encargado de dirixilos.

Se estades interesados, é o momento de que propoñades un club ou vos sumedes a algunha das propostas dos vosos compañeiros. Na entrada da biblioteca tedes os carteis nos que vos inscribir, deseñados polas voluntarias da biblioteca Judith, Naira e Siomara.

Non perdas a oportunidade de compartir as túas afeccións.

Formación de novos usuarios da biblioteca

Continuamos neste segundo trimestre coa formación de novos usuarios da biblioteca.

Desta vez, o alumnado de 1º ESO aprendeu a buscar no novo catálogo de Koha e a localizar, segundo a súa sinatura, libros e outros fondos nos estantes.

Esperamos que poñan en práctica todo o aprendido!

Día internacional dos dereitos dos animais

No noso centro conmemoramos este día falando sobre cales son eses dereitos dos animais e das responsabilidades das persoas en relación aos animais domésticos. Neste sentido, supervisados pola cadeliña que nos visitou, fixemos unha lectura do libro "Animales como tú", con historias de animais de granxa recollidos pola Fundación Santuario Gaia.

Foi bonito comprobar que a gran maioría do alumnado ten animais na casa e que están concienciados co seu coidado e benestar. Como dixo Mahatma Gandhi, "Un país, unha civilización pódese xulgar pola forma en que trata aos seus animais".   Máis fotos no Vilán.

Actividade volcánica nos recreos

Durante este mes da Ciencia en galego nas bibliotecas, o alumnado de 1º ESO preparou unhas maquetas xeolóxicas que amosan as capas da xeosfera, a dinámica terrestre, a formación das Illas Canarias e as partes dun volcán. Como remate da actividade, estivéronas  explicando ó resto do centro durante os recreos da semana pasada. Algúns grupos incluso reproduciron un volcán e simularon como sería unha erupción!
Podedes ver máis fotos no Vilán.

Distribuir contido


by Dr. Radut