Skip to Content

Actividades no centro

Actividades no centro

Demostración de uso de extintores

O alumnado de FP Básica de Oficina e o alumnado de CM de Sistemas Microinformaticos foi invitado a unha demostración de uso de extintores pola empresa Servifire, organizada polo departamento de Informática e Fol conxuntamente.

Todo o alumnado que quixo tivo a oportunidade de probar o uso dun extintor.

 

O único galego mal falado é o que non se fala

O alumnado de 2º da ESO realizou dous vídeos relacionados coa Dialectoloxía. Neles destaca a importancia da fala da zona, coas súas características especiais, e mais as moitas coincidencias que existen entre esta e mais a lingua estándar.

O importante para unha lingua é falala, xa abonda de dicir "Eu non falo galego porque non o falo ben". Unha escusa: o único galego mal falado é o que non se fala.

CONCLÚEN AS XORNADAS “ABRIL DE HISTORIA DAS NEVES”

Con grande éxito remataron este luns 7 de maio as Primeiras Xornadas de “Abril de Historia das Neves”. Concluíron, cun salón de actos de Usos Múltiples repleto de público (alumnado, profes, familias, veciñas e veciños), coa conferencia do arqueólogo e historiador Xosé Lois Vilar sobre os petróglifos da Coutada en Taboexa. Foi unha charla moi entretida e chea de interese na que, acompañada de fermosas imaxes, douse descrición e explicación da nosa arte rupestre en xeral, do seu valor, así como, en particular, da fermosura e importancia da  escena representada no achádego das Neves, a raíz dos lumes de fins do verán pasado. Unha escena de caza na que destacan as imaxes de équidos, cans e homes, fundamentalmente. Os trazos, características e conservación destes petróglifos fan que sexan un dos achádegos máis impactantes das últimas décadas no campo da arqueoloxía. Faise preciso poñelos en valor, dalos a coñecer e contribuír a que todas e todos sexamos conscientes da nosa propia historia. Un pobo con historia é un pobo con futuro! Coñezámola e apreciémola!

A revolução dos cravos

O pasado venres 27 de abril celebramos "a revolução dos cravos". Foi un acto fermoso, con grande participación do alumnado e bastantes profes. Conmemoramos con música a data, xa histórica, do 25 de abril  tan importante para Portugal e tan simbólica para os pobos que loitan pola súa liberdade. Un importante grupo de estudantes, dirixidos por Anxo Abalde, o profesor de música, interpretou o "Grândola, vila morena", a canción do Zeca Afonso que representa o berro de fraternidade e xustiza que puxo fin á ditadura en 1974.
25 de Abril sempre! Fascismo nunca máis!

Xornadas de Abril de Historia das Neves

Este luns 16 de Abril comezaron as Xornadas de Historia das Neves. Organizadas polo Concello, comezaron cunha conferencia de Eduardo Méndez, arqueólogo e gran coñecedor do xacemento paleolítico de Porto Maior.
Continuarán coa época castrexa e romanización (a cargo do catedrático e tamén arqueólogo Francisco Calo Lourido), o vindeiro luns 23, e co petróglifo da Coutada, de Taboexa, polo historiador Xosé Lois Vilar, o luns 7 de Maio.

Plantación de árbores

Aproveitando unha tregua do tempo, despois de tanta chuvia continuada, en colaboración co voluntariado e Concello das Neves, realizamos a plantación das árbores e outras especies vexetais que nos quedaban. Fronte ao escenario do lume e da destrucción, plantamos vida e futuro. Grazas a todas e todos pola colaboración. Lumes Nunca Máis! Por un Monte Vivo!
Un agradecemento especial a Alejandra, exalumna deste instituto que, cos seus coñecementos técnicos, asumiu a función de coordinar todas as plantacións, subministrou as árbores e abonos e se encargou de que o realizado fose un éxito.
Distribuir contido


by Dr. Radut