"Maridaxe de Matemáticas e Informática"

 

O  alumnado  de 2º de  bacharelato  que cursa  a  materia  de  Matemáticas  asistiu  o pasado  venres 17  a  unha  charla  baixo  o  título  Maridaxe  de Matemáticas  e  Informática  a  cargo cargo de Francisco Pena, pertencente  ao  Dpto. de  Matemática  aplicada  da  USC.

A  actividade  foi  organizada polo Dpto. de Matemáticas.

Visita ás casas-museo de Emilia Pardo Bazán e Casares Quiroga

O  pasado  venres, día 10 de  xaneiro, o  alumnado de 4º  de  ESO  visitou  lugares  emblemáticos  da  cidade  de A  Coruña: o percorrido comezou  pola  Casa-museo Emilia  Pardo  Bazán, sede  tamén  da  Real  Academia  Galega; seguiu  coa   Casa-museo Casares Quiroga e  unha  pequena  visita guiada  pola  cidade  vella; antes  de xantar  foron  ao  Campo  da  Rata.

A actividade  foi  organizada polos  departamentos  de  Lingua  castelá, Xeografía e Historia e  Lingua galega.

                                                

Os obxectivos do desenvolvemento sostible. Exposición

 

 

 

 

O  centro  acolle  desde hoxe  e  ata  o  día  21  de  xaneiro  a  exposición Os  obxectivos  do Desenvolvemento  Sostible. Un  camiño para  acabar  coa pobreza  e  as  desigualdades  alá  e  acolá.  A  exposición    está  organizada  polo  Fondo  Galego  de  Cooperación e Solidariedade;  chega  ao noso  centro   grazas  aos  Servizos  Sociais  do  Concello.

Obradoiro de habilidades comunicativas

 

 

 

 

 

A  ANPA  organiza durante  este  trimestre un  obradoiro  sobre  habilidades comunicativas destinado de  forma  preferente  ao  alumnado  de  ESO. Terá  lugar  os  luns  de 16.30 a 18 h. e  dará  comenzo  o día  13  de  xaneiro.

Rede de bibliotecas escolares

 

Como todos os anos as bibliotecas públicas de Ames reuníronse para intercambiar experiencias sobre  proxectos, promover a lectura e programar actividades conxuntas como lecturas compartidas, elaboración das Guías de Nadal e Verán, así como o  Boletín anual da contorna.

 

No   seguinte  enlace  pódese  acceder  á  Guía  de  lecturas  recomendadas para este  Nadal.

V OLIMPÍADA DE CONVIVENCIA

                                                                                                                                                                                                                                                          

Felicitación de Nadal

Hoxe o alumnado de 2º ESO D realizou esta bonita felicitación de Nadal coa axuda da súa titora. Aproveitamos a ocasión  e sumámonos aos bos desexos.

                                          

Proxecto EpDLab

Por  quinto curso consecutivo o IES do Milladoiro participa no proxecto EpDLab (Educación para o desenvolvemento. Laboratorio) no que o alumnado traballa contidos como igualdade, interculturalidade, consumo responsable e cooperación a través das novas tecnoloxías. Así, durante este primeiro trimestre do curso os alumnos e alumnas de 2ª E traballaron contidos como a igualdade e os roles de xénero, o racismo, a xenofobia, o uso da linguaxe en relación a estes contidos nos medios de comunicación e nas redes sociais… Tamén crearon os seus propios produtos transmedia (carteis, vídeos e memes) aprendendo a manexar app`s de edición de imaxe ou dobraxe de vídeos. Recordamos que este proxecto foi artellado pola ONG Agareso, con financiación de Cooperación Galega , e nel participan cinco centros de Galicia: o noso IES e outros catro de Bueu, Viana do Bolo, Silleda e Brión, así coma un centro educativo da República Dominicana.

 Podedes ver os traballos do alumnado na web do proxecto: https://epdlab.gal/institutos/ies-de-milladoiro/, e ter máis información sobre o proxecto no número 22 da revista dixital Convives.

 

                                          

"O día que as mulleres gobernen o mundo todo será distinto"

Verónica, técnica  en  Igualdade,  estivo hoxe  no  centro para  dar  unha  conferencia  sobre  a  súa  especialidade, pero  non  veu  soa, acompañouna  a  súa   madriña,  Isaura. Entre  as dúas  intentaron que o  alumnado  reflexionase  sobre  cuestións  como  sexo  e  xénero  ou  machismo  e  feminismo.

 A  charla  levou  por  título O  día  que  as  mulleres  gobernen  o  mundo  todo  será  distinto  e  naceu  da  colaboración  entre o  recoñecido  grupo  de  teatro   Chévere  e  Promove, unha  consultoría  especializada  en  temas  de  igualdade integrada por  sete  mulleres.

Á áctividade asistiu  todo  o  alumnado  de  ESO  en  tres  sesións  diferenciadas e foi financiada  cunha  partida  especial  da  Consellería  de Educación, Universidade  e  Formación Profesional procedente  do  Pacto  de  Estado  contra  a  violencia  de  xénero.

O seguinte  enlace  dá  acceso  a  un  vídeo da actividade.

                                 

Premio á mellor interpretación para o IES do Milladoiro

Na Gala de entrega de premios do Concurso Radiofónico de Teatro Lido, Desata a Lingua 2019, que vén de celebrarse este xoves 19 de decembro, concedéronlle o Premio á mellor interpretación ao grupo Sacarina, formado por tres alumnas de 1º ESO do noso IES: Martina Bretaña, Carla Gato e Sara Iglesias.

Os outros dous premios que outorgaba o Concello, mellor guión e mais o premio do público, recaeron en dous grupos do IES de Bertamiráns.

A gala celebrouse este ano na Casa de Cultura de Bertamiráns e estivo dirixida por Isabel Risco e Marián Bañobre, que lle fixeron pasar a todo o público un momento moi divertido. Os premios entregáronos a Concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística e mais o Concelleiro de Educación.

Parabéns a todo o alumnado participante polo traballo feito e o esforzo realizado e, en especial, ás premiadas!

"O neutrón é manso"

 

Hoxe, 19  de  decembro, o  alumnado  de  bacharelato  de  Ciencias  e  o  de  4º  ESO B  asistiu a  unha  charla  de  divulgación  científica  impartida  polo  profesor  de  Física  Teórica  da  USC e  investigador  do  IGFAE (Instituto  Galego  de  Física  de  Altas  Enerxías), Javier  Mas  Solé.

A  charla  levou  por  título  O  neutrón  é  manso e  centrouse  na  importancia  desta  partícula  subatómica  na  formación  de  todos  os  elementos  da  táboa  periódica, conmemorando  así  o  150  aniversario  da  mesma.

A  actividade  foi organizada polo  Dpto. de  Física  e  Química.

Charla cultural en inglés

 

 

Hoxe, xoves,  o alumnado  de  3º  e  4º  de  ESO  tivo  a oportunidade  de  asistir  a  unha  charla  cultural  en  lingua  inglesa. A  actividade  foi  programada  polo  Dpto. de  Inglés.

Encontro con Sonia Mirón

 

 

Hoxe, 17 de  decembro, o  alumnado  de  3º  de  ESO   puido  coñecer  en persoa  a  Sonia  Mirón, autora  de  Un  sol  dentro de  mí, novela lida  durante  este  trimestre na  materia  de  Lingua castelá e Literatura. A  rapazada mantivo  un  animado  coloquio  coa  autora  viguesa, quen,  ao  rematar,  asinou  exemplares  da obra.

Palabra galega do ano 2019

Desde    o  2014 a  Real  Academia  Galega  e a   Fundación  Barrié  levan  a  cabo  unha  iniciativa  que  nos  permite   elixir  a  que  será  logo a  palabra galega do  ano. A  través  da  web  Portal  das  palabras pódese  votar  a  palabra do  ano 2019.

 Ata  o  15  de  decembro  puidéronse  facer  suxestións; entre  as  palabras  elixidas  atópanse  quecemento  global, ecocidio, sentidiño  ou  feminicidio. O período  de  votación  remata  ás 23.59 do  día  25  de  decembro.

Exposición sobre científicos e científicas galegos

 

O  centro  acolleu  esta  semana    unha  exposición conformada por  doce  paneis sobre científicas  e científicos galegos que  foron   homenaxeados   a partir  de 2008: Ramón  Mª  Aller  Ulloa, Isidro  Parga  Pondal, Ángeles  Alvariño... Cada  ano, desde o 2008, a  Real  Academia  de  Ciencias  vén  elixindo  un  científico  ou  científica  do pasado  con motivo  do  Día  da  Ciencia  en  Galicia.

 

A  exposición  foi  organizada polo Dpto. de  Física e  Química.

Remate do Obradoiro de prácticas teatrais para fomentar a autoestima.

Hoxe, 10  de  decembro, chegou  ao remate  o obradoiro de prácticas teatrais para fomentar a autoestima  levado   a  cabo por membros  do  recoñecido  grupo  de  teatro  Chévere. O   alumnado que  puido  gozar  desta  actividade (organizada  pola  ANPA  e  subvencionada  pola  Secretaría  Xeral  de Igualdade) foi  o    de  3º ESO D e 3º PMAR.

                                       

Visita ao Pico Sacro e á Mina Serrabal

O  alumnado  de  2º  de  bacharelato  que  cursa  a  materia  de  Xeoloxía  puido  visitar  hoxe, 10 de decembro, o  Pico  sacro  e  logo  a  Mina  Serrabal, situada  no concello  de  Vedra, e da que  es  extrae   cuarzo branco. A  actividade  foi  organizada polo  Dpto. de Bioloxía  e  Xeoloxía.

                                             

Carta de agradecemento pola acollida ofrecida ao alumnado da EEI Milladoiro

Entre o 25 e o  29  de  outubro  celebramos  no  instituto  o  Samaín  coa  posta  en práctica  de  23 xogos populares.  Recibimos  ao longo  dos  tres  días,  e  en  varias  quendas,  ao  alumnado  da  EEI Milladoiro, ao que  a nosa rapazada lle  explicou   a  mecánica  dos xogos  en lingua  galega, posto  que  a  actividade partiu  dunha  iniciativa do Equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) do Instituto, en colaboración co EDLG da escola infantil e mais co departamento de Educación física do IES. En  agradadecemento pola  acollida  chéganos  unha  carta que  facemos  pública  a  través  do  seguinte  enlace.

Vota no Concurso Radiofónico de Teatro lido

Desde hoxe luns, 2 de decembro, xa se poden escoitar as pezas do alumnado do IES que participou no Concurso Radifofónico de Teatro lido na edición Desata a lingua, 2019. A partir de mañá, martes 3, e ata o domingo 8, pódese votar pola peza que máis vos guste enviando un correo a radioteatro@concellodeames.gal. As persoas que queiran votar deberán identificarse e só se computa un voto por persoa que se sumarán para outorgar un dos tres premios: o premio do público. Ademais deste, haberá dous premios escollidos polo xurado designado polo Concello de Ames: premio ao mellor guión orixinal e á mellor interpretación.

O alumnado do IES do Milladoiro que participou neste concurso é o que aparece no vídeo. Abaixo deixamos os enlaces ás súas pezas para que vos sexa doado escoitalas:

Charla sobre autoemprego

 

O  xoves 20  o  alumnado  de 4º  de  ESO da  materia  de  IAEE, o  de  1º  Bacharetato B  e  o  de  Economía de  2º  de Bacharelato   puido  asistir  a  unha charla organizada polo departamento de Economía. O  encontro  realizouse grazas á olaboración da Cámara de comercio de Santiago.

O obxectivo foi fomentar os valores empresais e informar, sensibilizar e transmitir a opción do autoemprego como alternativa digna e viable, á vez que se traballaron as habilidades cooperativas.

Escalada en rocódromo

O  pasado  19 de novembro  o  alumnado  de  2º  de  ESO dos grupos  C, D e E puideron  practicar  a  escalada  en rocódromo. A  actividade  foi  levada  a  cabo polo departamento de  Educación  Física.

                                         

Literatura contra a violencia no 25N

Hoxe, 25 de novembro, celebrouse no noso IES o Día internacional para a non violencia contra as mulleres.

Desde hai un par de semanas o alumnado do EDLG, coa colaboración de alumnado de 1º de Bacharelato e mais de 4º ESO, estivo a preparar esta actividade. Ademais de preparar a cartelaría e mais as pulseiras que se repartiron en 1º ESO o pasado venres, léronse dúas obras que tratan o tema da violencia de xénero: en 4º ESO a novela Senllerias de Antía Yáñez e en 1º de Bacharelato o poemario Dos días escuros de Mª Carme Caramés Gorgal. Esta autora achegouse hoxe ao centro. En colaboración co biblioteca organizouse un encontro co alumnado de bacharelato que lera o citado poemario da autora. 

Escola de nais e pais

                                                                                                                                                                                                               

 

 

A ANPA do IES do Milladoiro bota a andar a Escola  de  nais e pais deste curso cun taller de introdución ao  Mindfulness que terá lugar o vindeiro mércores de 17.00 a 19.00 no Salón de actos do noso centro.

 

Igualdade

Hoxe  o alumnado de  1º  de  ESO  participou  nun  obradoiro  para  reivindicar  o  bo  trato  cara  á  muller  organizado  en  colaboración  co  Centro  de  Información  á  Muller (CIM)  do  Concello. 

Así  mesmo, ao longo  desta  semana  a  rapazada  do EDLG estivo  facendo pulseiras empregando  cordón morado  sobre o que  escribiron o  lema "Non ó medo, liberdade".

De  cara  ao  luns  25, Día  internacional  da  non violencia  contra  a  muller, propomos  facer  visible  a  nosa  repulsa  vestindo  algunha prenda negra (xersei,  camiseta, suadoiro, camisa...).

Gravación das obras de teatro lido

   

 

O alumnado do IES anotado no Concurso radiofónico do teatro lido foi gravar as súas pezas esta semana. Tiveron que achegarse a Bertamiráns aos locais de AmesRadio. Catro grupos foron o luns  e tres foron onte xoves. Todos en horario de tarde. 

Lembramos que este alumnado leva neste proxecto desde principios de outubro, elaborou os seus guións, asistiu aos ensaios cos profesionais de "Ibuprofeno teatro", preparou as pezas na casa, escolleu todos os sons para facer os efectos sonoros e agora xa deixaron as súas obras gravadas. Só nos queda escoitar e votar para outorgar o premio do público.

EpDLab. Curso 2019 -2020

Un curso máis, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) desenvolve no noso centro o proxecto EpD_Lab (Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento), que chega á súa quinta  edición. O proxecto  está organizado en oito obradoiros que se realizan cada mes en dúas sesións de 50 minutos e que, neste curso, está dirixido ao grupo de 2º PMAR. O alumnado constrúe as súas propias narrativas dixitais, usando diferentes aplicacións en cada sesión, coa finalidade de fomentar a súa conciencia crítica e a sensibilización social. Para  ter acceso  á  información relacionada  co  noso  centro pica  aquí.

Correspondentes 3.0. Convocatoria de reunión para as familias do alumnado voluntario

Correspondentes  3.0 é  un  proxecto  de  innovación educativa dependente  do  Instituto  da  Xuventude  que  integra  nos  centros  de  secundaria  a información  xuvenil  a  través  do  voluntariado  dos propios  alumnos  e  alumnas.

Este  curso   contamos  con  nove  rapazas  e  rapaces  de 3º  e 4º  de  ESO  que  se  encargarán  de  difundir  entre  os  seus  iguais  a información  que  se  achegue  desde  o  Instituto  de  Xuventude.

Co  obxectivo  de  que  as  familias do  alumnado  voluntario  teñan  máis  información  e  coñezan  a  mecánica  do programa, celebrarase  unha  reunión  co coordinador, Vicente  Fornés, o  día 26 de  novembro, ás 18.30 horas  na  aula 231 do  instituto.

Comezo de "Anaquiños matemáticos"

Un curso máis, a Área de Didáctica da Matemática da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co programa Conecta-Aleida, vai realizar no noso centro a actividade Anaquiños matemáticos co alumnado de 1º ESO seleccionado polo departamento de Matemáticas do IES do Milladoiro. Terá lugar en sesións quincenais dunha hora de duración,  os mércores de 16:30 a 17:30   a partir  do  20  de novembro  e  ata  o 27 de maio.   As sesións terán lugar no IES do Milladoiro e  no  seguinte  enlace pode  consultarse  a programación  das mesmas.      

Os obxectivos xerais desta actividade son:

1- Traballar contidos matemáticos en contextos interdisciplinares.

2- Potenciar unha actitude positiva do alumnado cara ás matemáticas.

3- Caracterizar a aprendizaxe do alumnado coa realización de propostas motivadoras.

Obradoiro de Danza contemporánea para a igualdade

 

O  xoves  levouse  a  cabo o  Obradoiro  de  Danza  contemporánea para  a  igualdade, tal  e  como  estaba  anunciado. O  alumnado  de  Música  de  1º  de  Bacharelato tivo  a oportunidade  de pór  en  prática técnicas  relacionadas  coa  expresión artística  da  danza  da  man  da  bailarina  e  coreógrafa  Xiana  Vilas. 

A  actividade foi  realizada  ao  abeiro  de  programa  IGUAL-SON  da  Secretaría  Xeral  de  Política  lingüística e organizada polo  departamento  de Música  en  colaboración co EDLG.

Taller de percusión con material de refugallo

 

Hoxe, 13 de novembro, o alumnado de 3º ESO A e 3º ESO C tiveron a oportunidade de gozar dun obradoiro de percusión na aula de música impartido polo profesor Didier Díaz Madan, do colectivo Ecopercussión. Este colectivo traballa a percusión con material de refugallo, de xeito que o obradoiro, ademais de traballar a coordinación e a atención entre outras habilidades, serviu para mostrar as posibilidades deste tipo de material para a creación musical.

 

 

Resultou ser unha actividade moi gratificante para o alumnado, que despediu ao profesor Didier cun gran aplauso.

Distribuir contido