Premiadas no concurso de relatos "coa pel de galiña"

Os Equipos de Dinamización da lingua galega do IES de Ames e mais do IES do Milladoiro, xunto coas bibliotecas dos dous centros, organizaron este ano o 5º Concurso de relato fantástico e de terror en lingua galega “Coa pel de galiña”.

No IES do Milladoiro o xurado, formado por cinco membros do profesorado de distintas materias (David Amboage, Maruxa Fernández, Valentina Formoso, Manuel Maseda e Ismael Ramos) acordou premiar na modalidade A (que correspondía a 1º, 2º e 3º ESO) a:

Lucía Pájaro (1º ESO E) co texto “Aquela figura”

O xurado valorou especialmente a capacidade para crear unha atmosfera de medo, así como a orixinalidade na trama, evitando tópicos argumentais e clixés narrativos.

Reciben dous accésit:

Gabriela Leis (1º ESO A) co relato “Unha ponte no río”

Alba García (2º ESO E) co texto “Noite de camiños perdidos”

A entrega de premios vaise realizar o vindeiro martes 25 de xaneiro no 1º recreo na biblioteca, día en que se publicarán tamén os relatos no blog do EDLG.

A modalidade B, correspondente a 4º ESO e Bacharelato, quedou deserta.

Concurso "Xeometría con lema"

 O Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e mais o departamento de plástica do IES organizaron un concurso entre o alumnado de 1º e 3º da ESO de deseños xeométricos con lema en galego.

A intención final era realizaren deseños para colocar en bolsas que se repartirían no IES.

Houbo deseños moi ben elaborados e con gran calidade, o que provocou que fose un o escollido para que decore as bolsas do IES, como 1º premio, pero outros dous van ser recoñecidos imprimíndose como marcadores que se van repartir no Día do libro.

O alumnado premiado é o seguinte:

  • 1º premio: Gabriela Leis, 1º ESO A
  • 2º premio: Noa Mesías, 1º ESO B
  • 3º premio: Aroa Riveiro,  1º ESO A

Accésit:

  • Noa Varela, 1º ESO B
  • Antía Casavella, 1º ESO B

Os premios vanse entregar o vindeiro martes 25 de xaneiro, no primeiro recreo, na biblioteca.

 

 

MÚSICA NO NADAL CUN NOBRE PROPÓSITO

Queremos traer á nosa páxina web unha actividade dun dos nosos alumnos. Trátase do concerto realizado o 27 de decembro por Anxo Gómez Piñeiro, de 2º da ESO, a beneficio da asociación ASANOG (Asociación de axuda a nenos oncolóxicos de Galicia) no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Posteriormente, o noso alumno, o día de Reis, colaborou coa mesma asociación no peche dun Belén exposto na Casa da Cultura de Cuntis pola asociación Río Gallo. Trátase duns feitos que foron recollidos nos medios de comunicación.

Dende o IES do Milladoiro felicitamos a Anxo por esta actividade solidaria, a través dunha arte como a Música e cun instrumento como o violín, que domina dunha maneira maxistral.

ERASMUS +

                                                                                                                                         

O  IES do Milladoiro está a participar nun programa Erasmus+, programa europeo no que participan sete centros de ensino e dous centros culturais baixo o título Euro a de repente. Os socios deste programa son, ademais do noso centro, outros dous galegos (o IES Marco de Camballón de Vila de Cruces e mais o CEIP Labarta Pose de Baio) e catro doutros países europeos: Madeira (Portugal), Iparralde e Córcega (Francia) e Tortona (Italia). A coordinación lévase desde  o CFR da Coruña, delegación de Vimianzo.

 

Con este programa vaise coñecer o panorama actual da improvisación oral en Europa e mais difundir o estado das diferentes manifestacións do repentismo.


Nesta semana comezou a  primeira visita a Madeira, polo que dous docentes do IES do Milladoiro se desprazaron durante catro días ata a illa para avanzar in situ neste obxectivo. Realizáronse numerosas entrevistas e gravacións a persoas de moi diferentes idades para compoñer un documentario que visibilice cal é a situación actual do repentismo nesta illa portuguesa. Este é o primeiro material audiovisual que conforma o conxunto de vídeos que se expoñerán no final do proxecto para o alumnado.

Volve "Sinag" da man de Yomara Ferreiro

Yomara Ferreiro arrancou de novo co programa Sinag, que botara a andar o curso pasado. Neste pasado mes de decembro gravou dous novos episodios, de temáticas diferentes e ambos moi interesantes.

O episodio 3 vaivos resultar entretido ao escoitar as súas reflexións a partir de citas de cine e literarias.

 

No episodio 4  vai a unha temática diferente e moi interesante. Desta vez centrouse en dar conta dunha enfermidade que xa está bastante estendida, pero que aínda é moi descoñecida: a fibromialxia.

DEPORTES: Que sabes da patinaxe?

Inauguramos unha sección dedicada aos deportes no MillaFalaDoiro. Este primeiro programa está centrado na patinaxe artística e as realizadoras do podcast foron Saínza Ruíz, Noa Mesías e Alicia Lariño. Ofrecen información básica sobre este deporte que elas practican e entrevistan a Álex, adestrador do Club Compostela.

 

FELICITACIÓN

 

PANXOLIÑA 2021/2022

Recoñecementos e premios

 

Pechamos o trimestre coa entrega de premios  ás alumnas participantes no mes da ciencia en galego. Lucía Romar, Irene Vázquez e Alba Sueiro (foto de arriba) foron dobremente premiadas, por un lado pola participación nos vídeos para o "Medio minuto de ciencia en galego" (xunto con Antía Somoza que non puido acudir á entrega), e por outro porque entre as tres participaron no concurso de Igaciencia e recibiron un accésit polo seu poliedro. Tamén recibiron o seu galardón, de mans do director, Antía Casavella e Alicia Lariño (foto de abaixo) polo vídeo gañador no "Medio minuto de ciencia" na modalidade A (1º e 2º ESO).

E hai unhas semanas tamén se entregaron os diplomas que enviou a Consellería para o alumnado que participou o curso pasado no proxecto Radio na biblio. A entrega estivo amenizada pola actuación musical de Diego Jiménez Jiménez (4º ESO A) e de Alejando Buela Pampín (4º ESO B). A música que podedes escoitar co vídeo é da actuación.

 

Campaña de reflexión sobre o uso do galego nos agasallos

En colaboración co Comité de Igualdade, adornamos a entrada do centro. Desde o EDLG  aproveitamos para facer reflexionar sobre o uso do galego nos agasallos e mais animar a buscar agasallos en galego.

Por un lado, quixemos provocar a reflexión sobre o uso do galego:

Por outro, demos unha mostra de uso do galego en determinados elementos, que poden servir de agasallo, ou non, pero queda aí o recoñecemento polo uso do galego en produtos comerciais:

Cal é para ti a palabra do ano?

 

 A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren, a través do Portal das Palabras, a fase de votación popular para escoller a Palabra do Ano 2021. Tras a fase de recollida de suxestións, as voces finalistas que optan a se converter na Palabra do Ano 2021: coada, gromo, resiliencia, tanxugueiras e vacinódromo.

O prazo de votación permanecerá aberto ata as 23:59 horas do sábado 25 de decembro de 2021 nesta ligazón:

http://portaldaspalabras.gal/palabradoano/

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Creación literaria na radio: Microrrelatos

O alumnado de 1º ESO estivo a traballar a creación literaria, concretamente os microrrelatos.  Noa Mesías, Alicia Lariño e Saínza Ruíz realizaron este podcast para presentalos e participaron algúns compañeiros e compañeiras tamén lendo os seus. Non perdades de escoitalos:

 

Novas de aquí e de acolá. Novo programa do MillaFalaDoiro

No MillaFalaDoiro, a Radio do IES do MIlladoiro, acabamos de estrear novo programa. Tiitúlase "Novas de aquí e acolá" e pretende ter a comunidade educativa do IES ao tanto do que ocorre dentro do IES durante cada semana, pero tamén dalgunhas cuestións de interese que ocorren no noso concello e mesmo polo mundo adiante. Certo é que polo mundo pasan moitas cousas, pero Rosa Mosquera e mais Uxía Reyes (as directoras do programa) son as que escollen aquelas máis relevantes.

Deixámosvos o seu primeiro programa. Hai que estar pendentes de cando saian os seguintes programas e, se algo queredes contar, non dubidedes en contactar con elas.

Os "Dicionarios de ida e volta" de Agareso

O pasado luns 13 de decembro, o alumnado de 1º ESO A tivo a oportunidade de recibir un dos dous obradoiros que se celebraron no noso centro por parte de María Lobo, da Asociación AGARESO, e organizados desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística baixo o título de Dicionarios de ida e volta. O primeiro deles desfrutárao, o pasado 10 de novembro, o grupo de 1º ESO C. 

Se queredes máis información sobre a cuestión, só tendes que escoitar o podcast do programa que dirixe, desde o curso pasado, Diego Madarnás Iglesias ("Entrevistas con Diego"), pois aproveitou que estaba María Lobo no centro para facerlle unha entrevista ben interesante:

 

"FOOT". PALLASOS EN REBELDÍA

Hoxe o alumnado de Bacharelato e 3º e 4º da ESO asistiu á representación teatral de Foot, levada a cabo por Pallasos en rebeldía. Escrita polo historiador norteamericano de orixe palestina, Rasid Khalidi, Foot é un monólogo no que un futbolista palestino conta todas as dificultades polas que ten que pasar un equipo de fútbol desa terra para clasificarse para unha competición internacional, co trasfondo do longo conflito palestino-israelí. Moitas grazas á compañía de  Iván Prado pola súa actuación.

GRAZAS!

Dende o IES do Milladoiro queremos agradecer a colaboración prestada polas familias polos xoguetes e libros recollidos na actividade organizada polo Comité de Igualdade do noso centro, que serán doados á asociación AVESANTI.

MOITAS GRAZAS!

PADLET. TRABALLO COLABORATIVO

Padlet é a ferramenta TIC utilizada polas profesoras Raquel Rodríguez (Matemáticas) e María Calviño (Inglés) para amosarnos a variedade culinaria das diferentes latitudes e contornos xeográficos. Se queres deixarte levar por esta proposta larpeira, podes visitar o realizado polos grupos de 2º ESO E e F, premendo nas seguintes ligazóns:

PADLET 2º ESO E

PADLET 2º ESO F

Amplíase o prazo para participar no concurso "Coa pel de galiña"

Gústache escribir? Xa te enteraras que estaba en marcha o concurso "Coa pel de galiña" pero non tiveches tempo cos exames? Pois agora ampliouse o prazo e tes uns días máis para presentarte!

Ah, ti non sabías nada? Pois aínda te informas a tempo, porque nesta semana aínda estás a tempo para presentar o teu relato. Ata o venres 17 ás 12,50h tes tempo para depositar o teu texto na "Caixa do terror" que está na biblioteca.

Que como vai? Atende:

O IES  de Ames (Bertamiráns) leva organizando desde hai catro anos un concurso de relatos de terror en galego ao que lle chamaron "Coa pel de galiña" e propúxonos que este curso o organizásemos conxuntamente. Daquela convidámosvos a escribirades os vosos relatos de terror para poñer a todo o xurado, de un e outro centro, cando os lean, coa pel de galiña.

Lede con calma neste enlace do blog do EDLG as bases, pero lembrade que son dous folios máximo, a ordenador (letra Arial ou Times, 12) e escritos en galego.

Vídeos premiados no "Medio minuto de ciencia"

Durante o mes de novembro, o EDLG organizou o mes da ciencia en galego. Unha das actividades foi o concurso "Medio minuto de ciencia en galego". Convidouse a toda a comunidade educativa a que participase gravando un vídeo de medio minuto arredor dalgunha cuestión científica.

Estes foron os vídeos gañadores:

 

Alba e Lucía (3º ESO) fixeron unha explicación moi interesante sobre as cores do outorno:

Antía e Irene (3º ESO) presentaron a Isabel Zendal:

Antía e Alicia (1º ESO) mostraron o resultado do seu estudo de densidades: Parabéns ás seis gañadoras!

Xa están funcionando os "Recreos coa lingua"

Este ano tamén volvemos ter en funcionamento o programa de voluntariado lingüístico seguindo o protocolo COVID. Esta iniciativa, que arrancou no curso 2018-2019 baixo o nome "Recreos coa lingua", pretende axudar ao alumnado de fóra de Galicia que se incorpora novo ao centro para que poida, de forma lúdica, irse achegando á nosa lingua e á nosa cultura.

Grazas ás persoas voluntarias dispostas a colaborar nos recreos!

 

A ESTRELA DESAPARECIDA: EDLG DO IES DO MILLADOIRO

Como sabedes, en novembro centrámonos na promoción da ciencia en lingua galega, lingua tan válida coma calquera para facer ciencia.

Este ano, desde IGACIENCIA lanzáronnos un reto. Propuxeron o seguinte:

Imos testar a capacidade do galego para dar nomes universais coma poliedros, por exemplo. Sabemos xa que podemos nomear cada poliedro coñecido e dicilo perfectamente en galego. O galego pode cos poliedros. Pero o que nunca fixemos é inventar novos poliedros,  e darlles nome galego. Un novo paso de nivel para o galego.

 

Pasámoslle a proposta a un grupo de alumnas do EDLG que cursan 3º ESO e aceptaron o reto. Fixeron un poliedro e puxéronlle o nome de “Estrela desaparecida”, así nolo conta Irene Vázquez, unha das artífices:

 

Programa "Entrevistas con Diego". Podcast 8

Diego Madarnás continúa este curso 2020-2021 co seu programa Entrevistas con Diego. A primeira entrevista desta nova temporada fíxolla á compañeira Alba Diez, que -como xa sabedes- vén de recibir o Premio extraordinario da ESO.

Contámosvos un conto: "Mariluz avestruz"

O curso pasado rematamos a nosa aventura radiofónica cunha experiencia ben bonita: contando contos infantís para o alumnado do concello, en especial para os alumnos e alumnas da EEI do Milladoiro.

Este ano comezamos contando un que nos gusta moito e que as alumnas que organizaron o programa Contámosvos un conto queren dedicar de novo ao alumnado da EEI e a todo o do concello, pero sobre todo ao que se incorpora este curso en 3 anos.

Esperamos que vos guste e que o desfrutedes moito!

 

Arranca o "Magazine do MillaFalaDoiro"

Comezamos coa radio no curso 2021-2022. Abrimos un programa novo ao que lle chamamos O Magazine do MillaFalaDoiro. Aquí imos ir integrando programas variados que o alumnado vaia gravando pero sen que formen parte de podcast temáticos.

O primeiro podcast fíxoo Celia Sánchez, alumna de 1º ESO, que se estreou na radio agora. Fíxoo cun episodio ben interesante titulado "Quen ten cu, ten medo", no que falou das lecturas de medo que tiñamos na biblioteca co gallo do Samaín.

 

SANTA ICÍA NO IES DO MILLADOIRO. DÍA DA MÚSICA

No IES do Milladoiro conmemorouse a celebración do Día da Música (na onomástica de Santa Icía) coa celebración dun concerto na biblioteca, que todos puidemos desfrutar o pasado luns, 22 de novembro, grazas 'a participación de:

Dora Iglesias Bermúdez. 1º ESO A

Anxo Gómez Piñeiro. 2º ESO E

Diego Jiménez Jiménez. 4º ESO A

Simón Jiménez León. 4º ESO A

Alejandro Buela Pampín. 4º ESO B

DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Feminicidio é o nome da "perfomance" coa que o Comité de Igualdade do IES do Milladoiro quixo conmemorar o Día internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A actividade desenvolveuse nos dous recreos e serviu para amosar, unha vez máis, o rexeitamento de toda a comunidade educativa do noso centro fronte a unha lacra que segue a ser unha crúa e dura realidade.

IGUALDADE: TEATRO COMPAÑÍA PSIARE

O venres 19 o alumnado de 1º de bacharelato tivo o pracer de asistir á representación dun teatro-foro patrocinado pola Concellería de Igualdade do concello de Ames. A obra (¿Esto es amor?) foi representada pola compañía zaragozana “Psiare” e resultou ser todo un éxito, xa que a participación foi máxima por tratarse de temas moi próximos aos nosos/as adolescentes, como son a detección e prevención de sinais de violencia de xénero, ou novas masculinidades. O obxectivo principal era entender que non debemos ser observadores/as pasivos/as, senón mobilizarse a través da actuación e visualización.

ANXO GÓMEZ PIÑEIRO

A alma e o sangue dun centro educativo son todos os seus alumnos e alumnas. Un deles, no IES do Milladoiro, é Anxo Gómez Piñeiro, de 2º da ESO. Ademais do noso IES, Anxo tamén é alumno do Conservatorio Histórico de Santiago. Alí, da man de profesores como Yulia Petrushevskaya, o noso alumno logrou ser "un prodixio do violín", unha gran promesa que obtivo galardóns tanto en certames internacionais celebrados na nosa comunidade como fóra dela. Calificado na prensa como a reencarnación de Nícola Paganini, Anxo volveu saír nos medios de comunicación esta semana pola súa actuación no Conservatorio Histórico de Santiago. Dende o IES do Milladoiro queremos recoñecer o gran talento e mérito de Anxo que, neste curso, intentará amosarnos e adentrarnos no mundo da música, da man dunha nova actividade, "crónicas de Euterpe", que se poderá ver no ámbito da nosa páxina web.

ALBA DIEZ MARIÑO, PREMIO EXTRAORDINARIO

Hoxe xoves, o IES do Milladoiro realizou un pequeno acto na biblioteca do centro para congratular á nosa alumna Alba Diez Mariño, de 1º de Bacharelato A, por obter uns dos premios extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria ao rendemento académico, correspondentes ao curso 2020/2021 e convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.  A vicedirectora, Ana Isabel Sande, en representación do equipo directivo, fixo entrega dun diploma e un pequeno agasallo . Felicitamos a Alba por este premio e por toda a sua traxectoria académica e de apoio e defensa do alumnado a través do seu posto de representante no Consello Escolar.

A TRIBO

O martes, 17 de novembro o alumnado de 2º e 3º de ESO asistiu á proxección das curtas do proxecto "a tribo", nas que interviron dúas alumnas do noso centro: Aroha Brandon e Lorena Seoane. A tribo é un proxecto de Agareso e Igaxes, que durante 12 meses realiza un traballo integral de fortalecemento das capacidades da mocidade e a superación de estereotipos, nas situacións de risco de exclusión. Trátase dunha aposta máis polas mozas e mozos da nosa contorna, de dúas aosciacións vinculadas con nós dende os nicios da  Rede do IES do Milladoiro e da que podedes ver unha presentación  no seguinte vídeo:

 

ECOPERCUSSIÓN

Organizado polo Departamento de Música e coordinado polos profesores Xoana Paredes e José Luis Lorenzo, o alumnado de 2º da ESO, baixo o título de "Ecopercussión" realizou, o xa tradiconal, obradorio de percusión con material de refugallo. Podedes ver un anaco desta actividade no seguinte video:

Distribuir contido