Os bacallaus
O 15 de maio estabamos no extremo meridional do banco de Terranova. Este banco é o produto dos aluvións mariños, un conxunto considerable de detritos orgánicos traídos ben do ecuador, pola corrente do Golfo, ou ben do Polo boreal, pola contracorrente de auga fría que segue a costa americana. Alí, amoreábanse tamén as rochas erráticas carrexadas polo desxeo.
Entre os peixes aos que o Nautilus asustou ao seu paso, citarei a especie do bacallau, que sorprendín nas súas augas predilectas, naquel inesgotable banco de Terranova.
Pódese dicir que os bacallaus son peixes de montaña, xa que Terranova non é outra cousa que unha montaña submarina. Cando o Nautilus se abriu un camiño, Conseil non puido conter esta observación:
- Iso? Bacallaus? –dixo-. Mais eu cría que os bacallaus eran planos como as sollas!
- Que inxenuo! –exclamei-. Os bacallaus son planos só nas tendas, onde se amosan abertos e secos. Mais na auga son peixes fusiformes como os barbos, e perfectamente conformados para nadar.
- É incrible, señor! –respondeu Conseil-. Que nube, que formigueiro!
- Pois, meu amigo, aínda habería máis sen os seus inimigos, as brecas e os homes. Sabes cantos ovos se contaron nunha soa femia?
- Sexamos xenerosos –respondeu Conseil-. Cincocentos mil.
- Once millóns, meu amigo.
- Once millóns. Velaí algo que xamais admitirei, a non ser que os conte eu mesmo.
- Cóntaos, Conseil. Mais acabarás antes se me cres. Ademais, pensa que os franceses, os ingleses, os americanos, os daneses, os noruegueses, pescan bacallaus por milleiros. Consómense en cantidades prodixiosas e, de non ser pola impresionante fecundidade destes peixes, os mares ficarían axiña despoboados deles. Así, só en Inglaterra e América, cinco mil navíos tripulados por setenta e cinco mil mariñeiros, son empregados para a pesca do bacallau. Cada navío apaña unha media de corenta mil, o que dá un total de vinte cinco millóns. O mesmo para as costas de Noruega.
- Ben –respondeu Conseil- crereino, señor. Non os contarei.
- O que?
- Os once millóns de ovos.
[Jules VERNE, Vinte mil leguas baixo dos mares, XX, 2ª parte]