Jules VERNE, "Vinte mil leguas baixo dos mares", capítulo XII

Capítulo XII. Todo pola electricidade

          - Señor -dixo o capitán Nemo ensinándome os instrumentos que penduraban das paredes do seu camarote-, velaquí os aparellos esixidos para a navegación do Nautilus. Aquí, como no salón, téñoos sempre diante dos meus ollos e indícanme a  situación e dirección exacta no medio do océano: termómetro, barómetro, higrómetro, compás, sextante…
          - Son os instrumentos habituais do navegante –respondín-.  E estoutros instrumentos que non sei para que se empregan?
           - Aquí, señor profesor, debo darlle algunhas explicacións -dixo o capitán Nemo-. Existe un poderoso axente, obediente, rápido, doado, que serve para todo e que manda como patrón a bordo do meu barco. Todo se fai grazas a el. Aluméame, quéntame, é a alma dos meus aparellos mecánicos. Este axente é a electricidade.
          - A electricidade! -berrei bastante abraiado-. Así e todo, capitán, a extrema rapidez de movementos que vostede posúe non concorda ben co poder da electricidade. Ata aquí, a súa potencia dinámica quedou moi restrinxida e non puido producir máis que pequenas forzas!
          - Señor profesor -respondeu o capitán Nemo-, a miña electricidade non é a de todo o mundo, e isto é todo canto podo dicirlle.
         - Non insistirei, señor. Non obstante, permítame facerlle unha soa pregunta. Os elementos que emprega para producir ese marabilloso axente deben esgotarse axiña. Por exemplo, o cinc como o substitúe, xa que non ten ningunha comunicación coa terra?
          - A súa pregunta terá a súa resposta -respondeulle o capitán Nemo-. Direille que utilizo o cloruro de sodio -o sal- que extraio da auga  do mar e mestúroo con azougue que  nunca se gasta. Só se consome o sodio, e o mar é quen mo subministra. Ademais, direille que as pilas de sodio deben ser consideradas como as máis enérxicas e que a súa forza electromotriz é dobre que a das pilas de cinc. Débolle todo ao océano; produce a electricidade, e a electricidade dá ao Nautilus a calor, a luz e o movemento.
          - Mais non o aire que respira.
          - Oh! Podería fabricar o aire necesario para o meu consumo, pero é inútil, xa que cando quero subo á superficie do mar.
          - Señor Aronnax, aínda non rematamos -dixo o capitán Nemo levantándose-, e se quere seguirme, visitaremos a parte posterior do Nautilus.
          En efecto, xa coñecía toda a parte anterior deste barco submarino que, dende o centro ata a proa, se dividía no comedor, separado da biblioteca por un tabique estanco; a biblioteca; o gran salón, separado do camarote do capitán por un segundo tabique estanco; o camarote do capitán; o meu,  e, por último, un depósito de aire de sete metros e medio que se estendía ata a roda de proa. En total, trinta e cinco metros.

           Seguín o capitán Nemo polos corredores e cheguei ao centro do navío. Alí, había unha especie de pozo que se abría entre dous tabiques estancos. Unha escada de ferro, fixada na parede, conducía ao seu extremo superior. Pregunteille ao capitán para que servía aquela escada.
          -Leva ata o bote -respondeu.
          -Como! Ten un bote? -pregunteille bastante abraiado.
          -Si. Unha excelente embarcación, lixeira e insomerxible, que serve para pasear e para pescar.
          -Mais entón, cando quere embarcar ten que volver á forza á superficie do mar?
          -De ningún xeito, porque as dúas naves se comunican por un fío telegráfico. Envío un telegrama e o Nautilus vén recollerme.
          Ao fondo había un cuarto tabique estanco que separaba esta estancia da sala de máquinas. Abriuse unha porta e atopeime neste compartimento no que o capitán Nemo instalara os seus aparellos de locomoción. Esta sala de máquinas, moi iluminada,  estaba dividida en dúas partes: a primeira gardaba os elementos que producían a electricidade e a segunda, o  mecanismo que transmitía o movemento á hélice.
          - Como pode comprobar –díxome o capitán Nemo-, a electricidade producida diríxese cara atrás, onde actúa por electroimáns de gran dimensión sobre un sistema particular de pancas e engrenaxes que transmiten o movemento á árbore da hélice.
          Aquilo encerraba un misterio, mais non insistín en coñecelo. Como podía actuar a electricidade con semellante potencia?  Onde podía ter a súa orixe esta forza case ilimitada?
          -Capitán Nemo -díxenlle-, vexo os resultados e non busco a súa explicación. Vin manobrar o Nautilus ante a Abraham Lincoln e sei a que aterme no referente á súa velocidade. Así e todo, non basta con moverse.  Hai que poder dirixirse á dereita ou á esquerda, para arriba ou para abaixo!  Como fai para acadar as grandes profundidades?  Como sobe á superficie do océano? En fin, como se mantén no lugar que lle convén? Son indiscreto ao preguntarllo?
          -De ningún xeito, señor profesor –respondeume-, xa que nunca sairá deste barco submarino. Veña ao salón. É o noso auténtico despacho de traballo, e alí aprenderá todo o que debe saber sobre o Nautilus.

Capítulo XIII