O mar é todo! Cobre as sete décimas partes do globo terrestre. O seu aire é puro e san. É o inmenso deserto no que o home nunca está só, xa que sente a vida por todas partes. O mar non é máis que o vehículo dunha existencia sobrenatural e prodixiosa, non é máis que movemento e amor; é o infinito vivo, como dixo un dos seus poetas.
E, en efecto, señor profesor, a natureza maniféstase nel cos seus tres reinos: mineral, vexetal e animal. Este último está amplamente representado polos catro grupos de zoófitos, por tres clases de articulados, por cinco clases de moluscos, por tres clases de vertebrados, os mamíferos, os réptiles e esas innumerables lexións de peixes, orde infinita de animais que conta con máis de trece mil especies das que tan só unha décima parte pertence á auga doce.
O mar é a vasta reserva da natureza. Polo mar comezou o mundo, e quen sabe se non rematará nel! Nel está a suprema tranquilidade. O mar non pertence aos déspotas. Na súa superficie aínda poden exercer dereitos inicuos, loitar, devorarse e transportar todos os horrores terrestres. Mais a trinta pés de profundidade, o seu poder cesa, a súa influencia apágase, o seu poder desaparece. Ah! Señor, viva, viva no seo dos mares! Só neles está a independencia! Aí non recoñezo donos! Aí son libre!
[Jules VERNE, Vinte mil leguas baixo dos mares, 1ª parte, capítulo X, “O señor das augas”]