A rateira Agatha Christie
No mes de maio, o alumnado de 3º ESO A pertencente ao Club de Lectura reunímonos en varios recreos para comentar a peza teatral de Agatha Christie A rateira, obra que leva representándose en Londres dende 1952 e xa vai por máis de 25.000 representacións..
Giles e Mollie Ralston inauguran a súa nova casa de hóspedes nos arredores de Londres e esta converterase por uns días no epicentro dun macabro xogo criminal cun asasino solto entre os seus clientes. Illados por unha tormenta de neve e sabendo que calquera deles pode ser a próxima vítima, Os oito ocupantes da casa, un dos cales é un sarxento de policía, deberán pescudar quen é o asasino e quen está chamado a ser o próximo cadáver antes de que sexa demasiado tarde.
O libro gustounos moito. Candela cre que o título vai moi acorde coa trama, pois os personaxes están illados dentro do hotel coma nunha trampa, nunha rateira, sen poder saír a causa da nevarada, o que aumenta a sensación de angustia para os personaxes e de intriga para o lector. Hugo Pérez considera que a atmosfera que se crea é realmente a dunha rateira, onde todos gardan segredos que se van desvelando pouco a pouco ata o final. A trama está ben artellada, di Carlos, porque calquera dos personaxes pode ser o asasino e a intriga mantente enganchado ata o final. Os personaxes están ben trazados, comenta Rosalía, son xente corrente pero cun pasado que volve ao presente. A. Christie consegue que desconfíes de calquera deles como autor dos asasinatos, aínda que o culpable resultou ser o que menos parecía. Algúns, con todo, cren que hai algunha pequena incongruencia, como que os irmáns non se recoñecesen.
Por outro lado, pareceunos interesante o feito de que a autora denuncie a través da peza o maltrato infantil e as consecuencias que calquera acto propio pode traer para os demais.
.