Fun Home. Unha Familia Traxicómica Alison Bechdel
Fun Home. Unha Familia Traxicómica é unha novela gráfica que fai un relato autobiográfico da familia da debuxante estadounidense Alison Bechdel. Narra a súa infancia e xuventude na Pensilvania rural, centrándose na complexa relación co seu pai.
Este, Bruce Bechdel, é profesor de inglés, dirixe unha funeraria e colecciona antigüidades. Cre Rosalía que era un pai moi esixente e distante con Alison e o resto da familia. Só cando esta admite, xa na universidade, que é lesbiana, descobre que o seu pai tamén é homosexual. Malena di que non recoñece a súa condición sexual porque na época dos sesenta era algo moi mal visto e o pai non tivo valor para dicilo.
Pouco despois desta revelación, Bruce falece nun accidente, dando a entender que se suicida. Noelia cre que aínda que Alison fala abertamente de que é lesbiana, segue buscando ao longo da historia o seu lugar no mundo.
A Malena gustoulle tamén porque a historia alterna fragmentos da infancia, adolescencia e xuventude de Alison, é dicir, que non está ordenada cronoloxicamente e faiche pensar máis.
As tres lectoras comentan o papel de sufridora da nai, que fai coma que non coñece a homosexualidade do seu home, pero que debeu sospeitalo pouco despois de casaren e, con todo, soporta a situación.
A obra permite, di Rosalía, que coñezamos a vida dos Estados Unidos na década dos 60 e 70.
Noelia, Malena e Rosalía destacan que a obra trata temas como a orientación sexual, os roles de xénero e o suicidio dunha maneira non crítica, polo que o lector pode adoptar libremente unha postura sobre esa temática.
Malena, Noelia e Rosalía (3º ESO A)