comida
GALEGO: “marmelada”, “marmelo”, “melocotón“.
SIGNIFICADO ACTUAL: a marmelada é un doce feito con froita cocida ao que se lle engade azucre ou mel. O marmelo é o froito do marmeleiro, úsase moito para a elaboración de marmeladas ou doces. O melocotón é o froito do melocotoeiro.
ORIXE: proveñen dunha disimilación do latín melimelum (un tipo de mazá) e, á súa vez, do grego melimelon (meli “mel” e melon “mazá”) que se refería a unha mezcla de marmelo con mel. En Portugal conservouse o sentido orixinario de marmelada, é dicir, doce de marmelo e despois pasou a outros países co significado ampliado. Hai quen di que o termo marmelada vén dunha anécdota relacionada con María Estuardo. Nunha ocasión que estaba enferma déronlle marmelo con mel e crese que o nome marmelada vén dunha deformación do francés Marie est malade. Tamén da palabra latina malum “mazá”, neste caso unida a cotoneum (de Kydonia, antiga cidade portuaria de Creta), temos o noso termo melocotón, sendo tamén cotoneum a raíz que atopamos no termo inglés quince, “marmelo”.
GALEGO: “fígado”, “foie gras”.
SIGNIFICADO ACTUAL: glándula de gran tamaño situada no abdome dos vertebrados e que realiza importantes funcións, sobre todo dixestivas. Por extensión, alude á comida que ten como ingrediente este órgano, como o paté, ou feita integramente de fígado, como o foie gras, que nos vén a través do francés.
ORIXE: palabra procedente de ficus “figo”. Os romanos consideraban que os figos facían exquisito o fígado dos gansos e chamáronlle ao seu fígado iecur ficatum. Perdeuse iecur e quedou ficatum dando lugar en galego a fígado.
Baixorrelevo exipcio mostrando a sobrealimentación de gansos.
GALEGO: “compañeiro”.
SIGNIFICADO ACTUAL: persoa coa que se comparte algunha actividade.
ORIXE: remítese etimoloxicamente ao termo latino medieval companium, formado por cum “con” e panis “pan”, é dicir, aqueles que comparten o pan son compañeiros.
Venda de pan nun posto do mercado. Fresco romano da Praedia de Julia Fenix en Pompeia Museo Archeologico Nazionale Naples.
“FARIÑA DO MESMO COSTAL”
GALEGO: “ser fariña do mesmo costal”.
SIGNIFICADO ACTUAL: dise das persoas que teñen os mesmos costumes ou defectos. Esta expresión adoita ter un matiz pexorativo.
ORIXE: remítese á expresión latina eiusdem farinae.