Saltar navegación

Proxecto: A atención ás vítimas de violencia de xénero

 

En Galiza contamos cun protocolo de atención a vítimas de violencia de xénero. A súa finalidade é coordinar a tarefa dos diferentes organismos que traballan na prevención, asesoramento e loita contra a violencia machista.
Os ámbitos desde os que se actúa en materia de violencia de xénero son:
• Educativo: profesorado, orientador/a, dirección dos centros de ensino...
• Sanitario: centros de atención primaria, servizos de urxencias...
• As forzas e corpos de seguridade: policía, garda civil, etc.
• Xudicial: avogadas/os, fiscais, xuízas e xuíces...
• Social: servizos sociais municipais, Centros de Información á Muller, centros de acollida…
Cada grupo debe poñerse en contacto cunha persoa que traballe no ámbito da súa escolla. A persoa acudirá ao centro a falar sobre a súa experiencia diaria na loita contra a violencia de xénero.

Xunta de Galicia. Campaña polo 25/X/2010, Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller



  1. Xuntade grupos de 4 ou 5 persoas. Elixide un dos ámbitos mencionados anteriormente.
  2. Investigade que medidas de atención ás vítimas se levan a cabo no ámbito escollido. Facede un cadro que as sintetice. Pódevos ser útil a guía de actuacións ou o protocolo de atención a vítimas elaborados pola Xunta de Galicia para coordinar a actuación das/os profesionais implicadas/os.
  3. Como grupo, debedes presentar á/ao profesional que convidastes explicando a súa labor en materia de violencia de xénero. Para a presentación usaredes a información do cadro resumo. Así mesmo, preparade unha batería de preguntas para realizarlle en caso de que os resto e compañeiros e compañeiras non se lles ocorra ningunha.
  4. A finalidade da actividade é coñecer o traballo que, en materia de violencia de xénero, se realiza desde as institucións. Ao tempo, preténdese aumentar o coñecemento que toda a comunidade educativa ten sobre o maltrato cara ás mulleres. Por iso, valorarase a difusión do proxecto entre o alumnado, profesorado e familias. A tal fin, poderiades:
    1. Editar folletos sobre a actividade, cos datos básicos sobre as/os convidadas/os e as principais conclusións das vosas informacións. Eses folletos poden subirse a repositorios en rede, como Scribd ou Issuu.
    2. Escribir crónicas xornalísticas sobre os momentos máis relevantes da actividade. Estas pezas poden integrarse nunha revista escolar, que tamén se poden crear con Scribd, Issuu ou calquera ferramenta de edición de revistas dixitais.
    3. Realizar montaxes fotográficas ou adiovisuais que recollan os momentos máis relevantes da actividade.
  5. Os criterios de avaliación serán os seguintes:
    1. Contido do traballo e calidade da información recollida no cadro de resumo: 2 puntos.
    2. Calidade da presentación da/do profesional, da batería de preguntas elaborada e da capacidade para conducir o diálogo posterior á intervención da/do profesional: 2 puntos.
    3. Calidade do material (folletos, crónicas, montaxes audiovisuais e fotográficas, etc) elaborado como conclusión da actividade: 2 puntos.
    4. Impacto sobre a comunidade educativa: 2 puntos.
    5. Capacidade de traballo en equipo: 2 puntos.